Os socialistas ven "inadmisible" que o Concello compre un local en Ferreiros
Por Alejandro Espiño
O PSdeG-PSOE tampouco apoiará a compra do local que o Concello adquirirá na rúa dos Ferreiros para unificar nel os servizos de urbanismo, tesourería e xestión tributaria. Os socialistas consideran "inadmisible" esta adquisición, ao entender que "non se sostén" en ningún informe ou estudo técnico por parte dos servizos municipais.
Agustín Fernández critica que "nos fagan crer" que non hai diñeiro para completar a reforma da antiga casa consistorial, un inmoble que "cae a cachos", e que apenas tres meses despois de aprobar o orzamento "aparezan" 1,2 millóns para comprar este local.
Para o portavoz socialista resulta "curioso" que o dono desta propiedade inmobiliaria sexa Afundación, un organismo vinculado a Abanca, a quen coa "escusa" do baixo prezo "lle estamos a facer un favor", facilitándolle á entidade que "faga caixa" á conta do Concello.
"Sería bo que o BNG explicara todos os pormenores desta operación", dixo.
Ademais, o PSdeG-PSOE tamén mostrou o seu rexeitamento aos 420.000 euros que se inclúen na modificación de crédito que pretende aprobar o goberno no pleno para actuacións relacionadas coa compostaxe. Denuncian que, neste caso, tampouco existen informes técnicos nin explicación de que se vai a facer exactamente con ese diñeiro.
En todo caso, Fernández considera que este tipo de cuestións relativas ao tratamento de residuos debería ser unha "cousa seria" que debería asumir a concesionaria do novo contrato do lixo e non pagalo o Concello. Pontevedra está a converterse, dixo, nun "paraíso" para as empresas concesionarias, ao beneficiarse deste tipo de investimentos.
Así, os socialistas presentarán unha emenda a esta modificación de crédito pola cal propoñen que os 1,4 millóns de euros que se prevén destinar á compra do local e aos composteiros rediríxanse a cubrir as necesidades que o PSdeG-PSOE expresou nas súas emendas ao orzamento municipal.
Solicitan destinar 575.000 euros a obras no Gorgullón, O Burgo e Mollabao, 400.000 euros a un plan de reactivación económica, 165.000 euros a iniciativas relacionadas co deporte, 100.000 euros á redacción dun plan estratéxico, 100.000 euros a un estudo para remunicipalizar o servizo de auga, e 60.000 euros para contratar a dúas traballadoras sociais.
Agustín Fernández asegura que "se todos somos coherentes" co votado o pasado mes de decembro, estas emendas poderán ser aprobadas.
Relacionadas:
-
Ao PP resúltalle "sorprendente" que o BNG non consultara cos sindicatos a compra do local
Por Redacción |
-
Moreira buscará o apoio dos funcionarios para frear a compra do novo local municipal
Por Alejandro Espiño |
-
A unión entre BNG e Marea permite aprobar a renda social básica e a compra do local en Ferreiros
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP propón que o Concello concentre os servizos municipais na antiga Delegación de Facenda
Por Anxo Lourido |
-
A compra do novo local do Concello é "inmediata"
Por Alejandro Espiño |
-
O Pleno de Pontevedra estrearase en venres abordando unha modificación de crédito de 2,7 millóns
Por Redacción |
-
O Concello amplía as súas dependencias coa compra dun local na rúa dos Ferreiros
Por Alejandro Espiño |