Pontevedra suma 5.256 autónomos, oito de cada dez no sector servizos
Por Redacción
No termo municipal de Pontevedra hai asentados na actualidade un total de 5.256 traballadores autónomos. A cifra facilitouna a Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE) baseándose nas estatísticas a data 31 de decembro de 2016 no municipio.
Segundo estas estatísticas, o sector de actividade no que están dados de alta a maior porcentaxe de autónomos é o servizos, que agrupa ao 83% do total. O resto de ocupacións son, por esta orde, na industria, a construción, a pesca e a agricultura.
APE dá a coñecer as cifras á vez que anuncia un novo acordo de colaboración que asinarán co Concello de Pontevedra para poñer en marcha a segunda fase do plan estreado en 2016 en apoio ao colectivo de autónomos residentes no municipio da capital e sobre o que a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Anabel Gulías, e o presidente a asociación, José Ramón Caldas Martínez, xa celebraron unha reunión de traballo.
Segundo avanzou a entidade, un dos seus plans de traballo pasa por realizar un censo dos empresarios autónomos situados no municipio de Pontevedra, con especial atención aos negocios establecidos no rural. Tanto estes proxectos no rural como os centrados no centro urbano teñen como obxectivo prioritario a supervivencia dos negocios e reapertura dalgúns locais que pecharon as súas portas nos últimos tempos.
En virtude do acordo de colaboración co Concello de Pontevedra, APE Galicia comprométese a prestar asesoramento técnico, xurídico e fiscal aos autónomos; elaborar os informes e proxectos de interese que demanden; e organizar xornadas informativas, talleres e outras propostas.