A Oficina de Congresos de Pontevedra será un éxito "se se involucra o sector privado"
Por Redacción
Un manual recollerá toda a información necesaria para celebrar un evento congresual, feiral ou de negocios en Pontevedra. ÿ a primeira medida que porá en práctica a recén creada Oficina de Congresos do Concello de Pontevedra. O obxectivo desta publicación será poñer as cousas "o máis fácil posible para atraer todo tipo de xuntanzas profesionais á cidade", segundo a concelleira de Turismo, Carlota Román.
O Concello quere así converterse nun axente facilitador para captar turismo de negocios, "eliminando toda a tarefa tediosa que supón organizar todos e cada un dos detalles dun evento e darlle todo o traballo feito a calquera colexio profesional, organización ou empresa interesada en vir a Pontevedra", dixo a edil socialista, que destacou que Pontevedra "debe e pode aspirar" a ser competitiva neste nicho turístico.
Nunha xuntanza celebrada na Casa da Luz sentáronse as bases para a colaboración público-privada que impulsará a Oficina de Congresos. A ela asistiron empresarios da hotelería, hostalería, restauración, organización de eventos, unha representante de Novagalicia Banco, a vicereitora do Campus de Pontevedra e a xerente do Pazo da Cultura.
Carlota Román destacou que trátase de coordinar "dende dentro para poder facilitar cara fóra" e para elo, insistiu, "é vital que o sector privado se involucre e colabore dun xeito profesional e debidamente canalizado". A concelleira destacou que a Oficina de Congresos funcionará e será un éxito "se Concello e empresarios locais se involucran".
"O papel do Concello é promover e o dos empresarios, aproveitar unha oportunidade que vai ser beneficiosa para eles, e beneficiosa tamén para Pontevedra", concluiu a concelleira.