Por que os Bee Gees ou Los del Río te poden salvar a vida?
Por Redacción
Salvar vidas é cuestión de calma. Esa é a mensaxe que os técnicos da Sociedade Médica de Urxencias, Semes-Galicia, transmitiron aos case 500 alumnos que participaron na xornada de formación sobre reanimación cardio pulmonar, RCP, no IES de Vilalonga.
Tras unha breve presentación comezou unha charla teórica que os alumnos foron escoitando por grupos para dedicarse despois a aprender a facer unha masaxe cardiopulmonar.
Saber identificar unha parada respiratoria, saber se o paciente está consciente ou inconsciente ou se respira son as primeiras comprobacións que os escolares aprenderon que é prioritario facer. E para facelo, hai que manter os nervios baixo control.
Un médico, que forma parte do equipo da ambulancia medicalizada do Hospital Comarcal do Salnés, explicou aos mozos que tras identificar a situación, é importante chamar ao 112 e pedir axuda. Cos nervios baixo control para poder responder a preguntas sinxelas, pero cruciais para que os sanitarios poidan, por exemplo, chegar á dirección exacta na que se atopa o enfermo.
A ambulancia tardará uns minutos en chegar á dirección facilitada e é nese tempo cando a aprendizaxe adquirida polos escolares de Vilalonga será decisivo para salvar vidas. O médico explicoulles que tras sete minutos sen recibir osíxeno, as células cerebrais comezan a morrer.
Por iso, é fundamental comezar coa masaxe cardiopulmonar. E facelo a bo ritmo. "A Macarena "Los del Río ou "Stayin Alive" de The Bee Gees foron as melodías que soaron no pavillón de Vilalonga, tarareadas en máis dun caso polos técnicos de Semes-Galicia para que os mozos mentalmente relacionasen a masaxe cardiopulmonar cun ritmo constante. "Imaxinarvos bailando esta canción mentres impartides a masaxe. O corazón ten que encherse de sangue e darlle tempo para que a bombeo, e así constantemente ata que cheguen os profesionais".
"Imaxinarvos bailando esta canción mentres impartides a masaxe"
Estes dous elos, a chamada ao 112 e a masaxe constante desde o primeiro momento, son a clave para salvar a vida dunha persoa nunha situación de parada cardiopulmonar.
Os técnicos de Semes-Galicia lograron non só que os estudantes fixasen os conceptos máis básicos, senón que ademais fixérono dunha forma tan amena que a actividade resultou divertida para os escolares, con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos.
Ademais, resultou tan frutífera que a concelleira de Educación ten previsto repetir experiencia, polo que a próxima parada do Semes-Galicia no municipio será no IES Sanxenxo, en Baltar.