O roubo de 600 metros de cable deixa sen iluminación medio quilómetro da autovía do Salnés
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo detectou este xoves pola mañá o roubo de 600 metros de cable de 10 milímetros de diámetro da liña de iluminación pública nun tramo da autovía do Salnés ao seu paso por Sanxenxo, concretamente no treito que vai dende o cruzamento da rotonda do Vinquiño dirección ao Grove.
Por este motivo, uns 500 metros desta estrada quedaron sen iluminación debido ao que o concelleiro de Medio e Servizos, José Luis Rodríguez, considera un furto efectuado por profesionais, dado que fixeron cortes limpos nunha liña con tensión, utilizando ferramentas especiais e non deixando derivacións nin estragos.
"Este roubo é dunha transcendencia enorme pois o feito de que se realizara nunha liña con electricidade, nos da a entender que só será a presenza física de medios humanos a que poderá impedir que isto aumente de xeito exponencial", comentou o concelleiro delegado de Medio.
Por requirimento desta área municipal, a Policía Local desprazouse á zona co fin de levantar un atestado en presenza do persoal de mantemento eléctrico do Concello de Sanxenxo, informe que se trasladará á Xunta de Galicia de cara á súa reposición.