Combarro porá 'coto' a carteis, terrazas e souvenirs no seu centro histórico
Por Alejandro Espiño
O que ata agora era habitual ver no centro histórico Combarro, como souvenirs nos exteriores das tendas a modo de reclamo, carteis informativos ou terrazas de bares sen delimitar, ten os días contados. O Concello de Poio está a ultimar unha ordenanza que regulará todos estes aspectos que, segundo o goberno local, afean o seu patrimonio.
O portavoz do goberno, Xulio Barreiro, adiantou que esta nova normativa presentarase en "dúas ou tres semanas" co obxectivo de que poida estar "aprobada e funcionando" antes de que chegue a tempada estival.
O Concello entende que no centro histórico de Combarro existen determinadas actividades que fan un "abuso" da vía pública, "ocultando" o patrimonio desta localidade mariñeira "que temos que poñer en valor entre todos".
Así, dentro desta regulación entrarán, entre outras cuestións, os artigos que se colgan nos exteriores das tendas de agasallos e que "ocupan" gran parte das fachadas do centro histórico, as terrazas da hostalería ou os carteis que se colocan para atraer aos turistas.
Ademais, o goberno estuda tamén medidas para regular o uso dos hórreos tradicionais, de forma que non poidan ser utilizados para acumular caixas ou utensilios vellos a modo de "trasteiros", segundo explicou Barreiro.
Esta normativa irá acompañada dun programa que poñerá en marcha o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra para concienciar a todos os implicados acerca do "respecto" que deben gardar cara ao patrimonio de Combarro.
Así, realizaranse accións formativas en escaparatismo e informarase sobre as solucións adoptadas noutros centros históricos similares ao de Combarro para frear o "impacto" que determinadas actividades económicas poden chegar a ter no patrimonio.
"A idea é que Combarro siga mellorando ou polo menos se siga conservando como está", engadiu o edil do BNG, que asegurou que os técnicos municipais realizan unha revisión "constante" das obras que se realizan no centro histórico para evitar que se fagan actuacións "ilegais" ou que atenten de forma "irreversible" contra o patrimonio da localidade.