Rouban unha tarxeta de crédito e van de compras... por Internet
Por Natalia Puga
Dous veciños de Pontevedra que a pesar de ser aínda menores de idade xa son vellos coñecidos das forzas policiais e contan con antecedentes foron detidos nos últimos días pola combinación de dous delitos: furto e estafa. Supostamente subtraeron unha carteira cunha tarxeta de débito e utilizárona para cargar o saldo do móbil e para irse de compras, pero non fisicamente, senón a través de Internet.
Os feitos teñen a súa orixe no 7 de decembro de 2012. Unha veciña de Pontevedra acudiu á Oficina de Denuncias e Atención ao Cidadán da Comisaría Provincial e deu conta da substracción unha carteira no que levaba documentación persoal, 10 euros e unha tarxeta de débito dunha entidade bancaria. Seis días despois, o 13 de decembro, a prexudicada ampliaba a denuncia indicando que coa tarxeta subtraída lle efectuaran diversos cargos fraudulentos consistentes en recargas telefónicas e compras por Internet
Tras contactar co departamento de seguridade da entidade bancaria os axentes descubriron que había un total de 25 operacións de pagamento coa citada tarxeta, 14 delas foran consumadas por un importe de 516, 85 euros e once quedaron en intento, por un total de 1.237,82 euros
A raíz da denuncia os axentes iniciaron as xestións pertinentes para tratar de descubrir todos os datos posibles sobre as compras efectuadas coa tarxeta subtraída. As compras a través de Internet efectuáronse nun coñecido portal de vendas de artigos de calzado, roupa e complementos, un total de tres compras de zapatos de marca, valorados en 70, 67,85 e 59 euros.
O portal de vendas afirmaba que os paquetes foran recepcionados con éxito. Tras diversas xestións os axentes localizaron o domicilio e a identidade do menor que recibira os paquetes, polo que tras ser localizado procederon á súa identificación e detención.
Na súa declaración, en presenza do seu proxenitor, afirmaba ter realizado as compras cunha tarxeta que lle facilitara un amigo, tamén menor, quen ao parecer posuía varias tarxetas no seu poder.
Unha vez localizado o segundo menor os axentes procederon á súa detención por un delito de furto e estafa continuada, prestando declaración en dependencias policiais por estes feitos. Ambos deberán comparecer ante a Fiscalía de Menores cando sexan requiridos.