O Pleno de Pontevedra estrearase en venres abordando unha modificación de crédito de 2,7 millóns
Por Redacción
O pleno da corporación de Pontevedra do mes de abril celebrarase en venres en lugar do luns habitual. É precisamente a proposta que está sobre a mesa na negociación entre os grupos políticos para a aprobación dun novo regulamento para o funcionamento das sesións plenarias e todo apunta a que se aprobará, pero, neste caso, trátase dun cambio puntual motivado por cuestións varias como a Semana Santa que coincide a mediados de mes ou a necesidade de axustar os tempos para a aprobación dun cambio no cadro de persoal municipal.
A sesión será finalmente o venres 7 de abril ás 11.00 horas no Teatro Principal. Non é o antepenúltimo venres do mes, tal e como se está a negociar, porque o que correspondería, o 14 de abril, é Venres Santo. De mantelo en luns, como é habitual ata agora, sería o 17 e xa non sería tampouco factible, de modo que todos os grupos políticos acordaron a data fixada finalmente.
Nesta sesión do día 7 de abril un dos asuntos más destacados será o debate dun expediente de modificación de crédito por valor de 2.735.531 euros do que o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González aportou os detalles este venres.
Esta modificación financiarase con remanente líquido de tesourería do Concello e terá como inversión principal a adquisición dun inmoble na rúa Ferreiros para a resituación dos servizos municipais. Ten como obxectivo obter unha mellora substancial na atención dos cidadáns e suporá o desembolso de 980.000 euros. Ao respecto, Raimundo González explicou que o custe real do edificio é 1.150.000 euros, pero o resto da contía procederá da venda recente de dous locais situados en Valentín García Escudero.
Ademais, destinaranse 420.000 euros a dar un forte impulso da compostaxe coa construción de composteiros comunitarios, 400.000 euros a asumir o compromiso adquirido con Marea Pontevedra para a Renda Social Básica e 205.000 á adhesión ao plan de transporte metropolitano da Xunta de Galicia.
Entre os proxectos que serán posibles con cargo a esta modificación de crédito están a renovación dos sistemas de comunicación interna dos servizos de Policía Local e Bombeiros (389.949 euros), financiar as obras de emerxencia acometidas recentemente no CITA (137.552) ou asumir os 68.509 euros que este ano deixou de aportar o Ministerio do Interior ao programa Noites Abertas ao non convocar a liña de subvencións habitual.
NOVO REGULAMENTO DO PLENO
Este venres celebrouse a Comisión de Réxime Interior e o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima, entregou aos representantes dos distintos grupos a proposta do grupo de goberno sobre a modificación do regulamento do Pleno coa confanza de que se poida debatir na Xunta de Portavoces do próximo martes e na seguinte reunión desta comisión, pois a deste venres era extraordinaria e non se podía.
O grupo de goberno propón que as sesiones se celebren o antepenúltimo venres de cada mes e que en total se poidan levar un máximo de 10 iniciativas entre proposicións e mocións, que estarían repartidas de igual forma entre os cinco grupos políticos con representación na corporación, isto é, dúas por grupo.
En relación coas intervencións, propoñen que o grupo que propón a moción teña cinco minutos para presentala e que os demais teñan tres minutos cada un e a posibilidade dunha segunda ronda de intervencións cun máximo de tres minutos para quen a propón e dous para o resto. Nos rogos e preguntas, propoñen limitar a cinco minutos o tempo de cada grupo.
Relacionadas:
-
A unión entre BNG e Marea permite aprobar a renda social básica e a compra do local en Ferreiros
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os socialistas ven "inadmisible" que o Concello compre un local en Ferreiros
Por Alejandro Espiño |
-
O PP quere un reparto no número de mocións proporcional á representación de cada partido
Por Redacción |
-
A compra do novo local do Concello é "inmediata"
Por Alejandro Espiño |
-
Os populares ven un "disparate" a compra dun local para o Concello por un millón de euros
Por Redacción |
-
As familias pontevedresas sen ingresos poderán pedir ao Concello unha renda social básica
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello amplía as súas dependencias coa compra dun local na rúa dos Ferreiros
Por Alejandro Espiño |
-
Sen acordo aínda para aprobar un novo regulamento do pleno
Por Alejandro Espiño |