'Ponti', un corazón solidario que irá pasando de man en man na Pontevedrada para agasallar vida
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Difícil é que quede algún pontevedrés que non saiba que é a Pontevedrada, pero nunca está de máis lembralo. Trátase dunha marcha nocturna e ininterrompida a pé de aproximadamente 63 quilómetros a través do Camiño Portugués entre Pontevedra e Santiago de Compostela organizada por Asampo para concienciar á sociedade da importancia permanente da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos.
E este ano alcanza a súa sétima edición sen deixar de crecer, con 536 persoas xa inscritas a un mes de que se celebre e con novidades continuas. Unha das máis simbólicas das que se estrearán o próximo 29 de abril será 'Ponti', o corazón da iniciativa.
Raúl Álvarez, un dos dous impulsores de Asampo no ano 2011, deu a coñecer a 'Ponti' este venres coincidindo coa presentación oficial da iniciativa no Concello. É un pequeno corazón solidario que el mesmo tiña na súa casa e ao que decidiu bautizar como 'Ponti' porque é diminutivo de Pontevedra e de Pontevedrada. O día da marcha lanzarase ao aire antes da saída para que o recolla un dos participantes coa idea de que vaia pasando de man en man, de peto, de mochila... entre a praza da Ferrería e a praza do Obradoiro ao día seguinte.
'Ponti' será unha forma de "dar e recibir complementaria a toda a simboloxía desta Pontevedrada" e pasará ao longo da noite e a mañá do 30 de abril por boa parte dos participantes para que esa vida que eles regalan "viaxe cara á noite durante a Pontevedrada e busque un novo día".
Este corazón da Pontevedrada será tan só una das novidades desta edición, que sairá ás 20.00 horas do sábado 29 e darase por pechada á 16.00 hora do domingo 30. Outro dos aspectos que se estrea este 2017 ten que ver coas inscricións, que se poden facer a través do correo electrónico pontevedrada@gmail.com ou vía whatsapp nos números 619566303 e 620821567 achegando o DNI, nome e apelidos, data de nacemento, teléfono, mail e localidade de residencia.
O prazo está aberto e seguirá ata o 26 de abril, pero este ano, por primeira vez, tan só será posible de forma anticipada e non o propio día antes da saída. Ademais, quen se inscriba antes do 10 de abril poderán recoller os seus dorsais xa entre o 17 e o 27 de abril na Casa Azul de 19.00 a 21.00 horas. O día 29 tamén poderán recollerse entre as 14.00 e as 18.00 horas.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira Carmen Fouces; e Elena Gondar, de Asampo, explicaron o resto de detalles desta iniciativa, da que o rexedor destaca o seu espírito solidario e que, ademais, "leva o nome da cidade e a pon non mapa".
Elena Gondar animou á participación nesta iniciativa e a potenciar a doazón de sangue, órganos e tecidos co obxectivo de que "chegue ese día en que a doazón sexa algo tan habitual que non faga falta esta iniciativa". Destacou, ademais, que se trata dunha marcha sen carácter competitivo que ten unha mestura de "solidariedade, espírito de superación e ilusión pola vida".
Os organizadores lembran que é obrigatorio que os participantes utilicen o chaleco reflector e que é recomendable o coidado e respecto do medio ambiente e que quen decida acabar a marcha antes de chegar a Santiago fágano saber aos organizadores a través dun whatsapp.
Relacionadas:
-
Cen globos para fomentar a doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos
Por Redacción |
-
A Pontevedrada segue sumando quilómetros solidarios
Por Cristina Saiz & Redacción | Creada e actualizada
-
Todo preparado para que 1.400 persoas participen este sábado na Pontevedrada
Por Redacción |
-
En marcha a Pontevedrada 2017: ábrese o prazo de inscripción
Por Redacción |
-
A Casa Azul acolle o Mural da Vida
Por Redacción |
-
1.200 persoas apoian as doazóns camiñando na Pontevedrada 2016
Por Mónica Patxot |
-
A Pontevedrada fai un chamamento para que a Ferrería se converta nunha gran marea vermella en pro da doazón
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |