A conexión wifi pública chega ás Casas do Pobo de Chaín e Forzáns
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vai poñer en funcionamento unha conexión wifi pública nas dúas casas do pobo de titularidade municipal existentes nas parroquias de Forzáns e Chaín co obxectivo de facilitar o acceso á Internet de toda a veciñanza. A medida xa está en marcha no centro cultural e nos vindeiros días ampliarase á ludoteca municipal.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o servizo comezará a funcionar nos próximos días e terá unha cobertura máxima duns 300 metros, que variará en función dos obstáculos, e alta velocidade. En concreto, terá un ancho de banda de 50 Megabytes por segundo.
Este servizo porase en marcha no marco do contrato que o Concello subscribiu co operador local Áurea, que xa presta servizo de datos no edificio consistorial utilizando tecnoloxía de fibra óptica de última xeración.
O alcalde, Andrés Díaz, subliña que este tipo de servizo só é posible, legalmente, en instalacións de titularidade municipal, pero non nas casas do pobo de titularidade veciñal, que son a maioría das existentes en Ponte Caldelas.
O Concello tamén indicou que está a ultimar a renovación do seu equipamento telefónico tamén no marco do contrato con Áurea. A renovación de parte do hardware e a plena introdución da telefonía IP fará posible un importante aforro na factura municipal de telefonía, que pasará dos 4.000 euros ao ano a uns 2.500 euros anuais, o que suporá un aforro estimado nun 70%.