RADIO.- Toni Puig: "Pontevedra tense que converter na terceira xeración das cidades creativas de España"
Por Marisa Ciordia
Pontevedra ten un puntazo, propuxo para este 2017 "dar unha volta" e traer a profesionais da xestión cultural e o papel das cidades como xestores culturais. Esta máxima é a que trouxo ata esta cidade a Toni Puig, profesor de márketing, conferenciante e asesor en temas públicos e creativos.
Foi a súa primeira visita a Pontevedra e declara que foi "amor a primeira vista. A mellor cidade para vivir de España. Hai cidades que aplicaron peonalizacións moi boas, pero non integral da cidade, a cidade converteuse nunha gran praza para convivir, e é un caso único".
Unha vez desenvolvido este modelo de cidade o hándicap que ten, como todas, "é atreverse a plantexar o futuro". Este experto (que desde os 80 participou na reconversión de Barcelona, de Bilbao, Madrid ou Málaga) expón que o futuro se crea, e por tanto é a creatividade a aposta: "Pontevedra tense que converter na terceira xeración das cidades creativas de España. A primeira xeración foi Bilbao pola súa reconversión cultural co Guggenheim, a segunda xeración foi Málaga. Falta a terceira xeración e para min é Pontevedra".
Unha máxima que se repite en Pontevedra ten un Puntazo e que Puig defende é a creatividade colaborativa. É dicir, "a creatividade sae de persoas diversas que se atopan e comparten esa creatividade para un proxecto común e o ben común. Ademais estes proxectos de creatividade colaborativa sóbense á rede, e a rede é universal. Por que Pontevedra a longo prazo non pode ser o Silicon Valley da creatividade para a cultura e a calidade de vida, con empresas que cren produtos e servizos para a cidade e que estean na rede para innovar no mundo?".
Para canalizar este futuro a longo prazo haberá que dispoñer de boas escolas que fomenten a creatividade, espazos para a cultura nos barrios, ter unha boa oferta cultural, e que os cidadáns cultiven o seu potencial creativo nas universidades e en viveiros creativos.