Policías e ambulancia mobilízanse por un 'cliente' inoportuno en Curros Enríquez
Por Redacción
Tres patrullas da Policía Nacional e unha ambulancia irrompen de súpeto na praza de Curros Enríquez. ÿ noite pechada (arredor das 21.00 horas) e a esas horas un mércores adoita reinar a calma no ámbito, de modo que a chegada do despregamento policial e sanitairo podería chamar a atención dos viandantes. Nesta ocasión, non é así. A tranquilidade xa rompérana minutos antes. Un home visiblemente alterado estábase a converter nun pesadelo para os transeúntes e donos e clientes dos establecementos de hostalaría da zona, de modo que se requiriu a presenza da Policía.
O home presentaba claros síntomas de encontrarse baixo os efectos do alcol ou dalgunha substancia alteradora da vontade e estaba a molestar nos establecementos de Curros Enríquez. Cando chegaron a Policía Nacional e a ambulancia encontrábase na porta de Burguer King supostamente molestando a quen entraban e saían do local situado no baixo do Mercantil.
Traballadores de Burguer King indicaron minutos máis tarde que non chegou a entrar no seu local e que a eles non lles molestou, pero o protagonista do escándalo nocturno xa alarmara a demasiados pontevedreses. Os axentes intentaron identificalo e solicitouse a intervención dos sanitarios do 061 para darlle unha primeira atención e avaliar o seu estado de saúde.
En cuestión de minutos levantouse balbordo na praza. En cuestión destes poucos minutos disolveuse. A intervención policial deu por resolto o espectáculo que dera nos instantes previos este 'cliente' inoportuno dos negocios de Curros Enríquez.