Unha oficina na Lama asesorará a emigrantes que queiran volver a casa
Por Redacción
Atender consultas sobre as axudas que poidan recibir os emigrantes galegos que decidan regresar de forma definitiva á súa terra. É o obxectivo principal do servizo permanente de información que habilitará o Concello da Lama.
Con esta iniciativa, búscase axudar a aquelas persoas que estean a pensar en volver ou volvesen xa a este municipio e tamén a aqueles que teñan intención de emprender algunha actividade económica. Ademais informaráselles das axudas de carácter social ás que teñen dereito os galegos emigrantes que regresen ao seu país.
Os responsables deste servizo informarán das axudas extraordinarias e non periódicas postas en marcha pola Xunta para emigrantes galegos retornados para que poidan facer fronte aos gastos extraordinarios da súa volta a Galicia. O prazo para solicitar estas axudas finaliza o 31 de agosto.
Tamén se lles informará das axudas que destina a Xunta a este colectivo para promover o autoemprego e a actividade emprendedora.
Así se lles subvencionarán os gastos que produce o seu establecemento como traballadores autónomos ou por conta propia, ou como socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado coa fin de favorecer o retorno a Galicia. O prazo para solicitar estas axudas remata o 20 de febreiro.
Os beneficiarios destes dous programas poderán ser aquelas persoas de orixe galega e nadas en Galicia que, residindo fóra de España se establezan na comunidade. Tamén os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os seus fillos que residindo fóra de España se establezan en Galicia.
Ademais, deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do seu retorno e ter a súa residencia actual en Galicia e tamén residir no estranxeiro legalmente un mínimo de tres anos e facer a solicitude antes de que transcorran dous anos do seu retorno a España.