O BNG de Marín desvela que a Xunta non acepta á modificación do PXOM do goberno local
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Marín vén de sacar á luz o "demoledor informe" da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia pola modificación puntual do PXOM que pretende o goberno local de Marín.
O informe, asinado pola directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, devolve o documento remitido polo Concello subliñando que o trámite seguido para a modificación "non segue os pasos descritos na Lei do Solo de Galicia".
Segundo din os nacionalistas, o departamento de Urbanismo da Xunta "mesmo pon en ridículo ao Concello" lembrándolle que a norma vixente e actual que debe aplicar é a Lei 2/16 do Solo de Galicia e non a LOUGA xa derogada.
"A Xunta vese obrigada a insistir repetidamente en que se o Concello pretende aprobar un novo documento modificando o actual PXOM debe adaptarse á nova lei vixente. Algo que até un aficionado en temas urbanísticos ten claro", sinala o BNG de Marín nun comunicado.
O BNG engade que a Xunta afirma no seu informe que a documentación remitida polo Concello "non define con claridade a magnitude dos cambios propostos".
"Á Xunta resúltalle imposible avaliar os cambios propostos porque o Concello non lle indica que pretende modificar, non lle remite as sentenzas do Tribunal Supremo de Galicia en bases as cales se fai unha modificación no ‘polígono das monxas’, os planos remitidos non conteñen referencias aos cambios que se pretenden, en definitiva unha auténtica chafallada que desprestixia ao Concello e que nos avoga á máis atrasos e atrancos no desenvolvemento do PXOM", afirman os nacionalistas.
"Con carácter xeral debe definirse e aclararse a magnitude dos cambios", conclúe a Dirección Xeral de Urbanismo neste "informe demoledor" que, segundo o Bloque, "obriga ao goberno local de Marín a retractarse e a desdicirse" das súas afirmacións pasadas respecto "dunha simple corrección de erros".