"Pontevedra ten un puntazo" incluirá masterclass e encontros empresariais profesionalizados
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, presentou este xoves as novidades da iniciativa "Pontevedra ten un puntazo" que inclúen presentacións de empresas pero tamén masterclass, encontros empresariais e actuacións para incorporar o alumnado do campus.
Trátase dunha "nova, máis ampla e ambiciosa programación", cando cumpre un ano de vixencia.
- Presentación de empresas. AS CHÁCHARAS DO PUNTAZO. O obxectivo é dar a coñecer as empresas e os proxectos desenvolvidos polos membros do programa a través de presentacións de varias delas en diferentes espazos da cidade.
- Xoves, 30 de marzo. Mes de marzo-Salón do Libro. Achegar aos asistentes como se organiza un dos eventos culturais máis punteiros e con maior repercusión da cidade. Levarase a cabo unha visita guiada da man das empresas pontevedresas implicadas no desenvolvemento do Salón do Libro para que acheguen de primeira man o proceso de creación, montaxe e xestión do evento. Así mesmo, participarán diferentes colectivos que forman parte da programación do Salón do Libro.
- Xoves, 27 de abril. Cervexa Nasa. En Cervexa Nasa realizarase unha visita guiada polas instalacións da empresa co fin de coñecer os seus produtos e a seu proxecto empresarial. Estará tamén xente da empresa local Xeve Artesano que presentará o seu novo concepto de panadería artesá.
- Xoves, 25 de maio Ana Seoane. José Chás Fotografía. Producións Mutantes. A presentación estará centrada no mundo da creación tanto audiovisual como dende o punto de vista do deseño gráfico e industrial de man destas tres empresas punteiras no sector creativo local.
- Xuño. Rei Zentolo. A empresa Rei Zentolo cumpre 15 anos de existencia e vai a celebralo por todo o alto con todos os compañeiros de Pontevedra ten un Puntazo e coa cidadanía. Están traballando na organización dun evento onde o deseño será o principal protagonista.
- Masterclass. PUNTAZO DE TALENTO. Virán a Pontevedra profesionais de recoñecida traxectoria vencellada ao mundo da creatividade, xestión cultural e a innovación para trasladar a súa experiencia eaportar o seu coñecemento para a mellora da traxectoria empresarial dos membros do Puntazo.
- Mércores, 29 de marzo. TONI PUIG, o gurú das cidades. Especialista en xestión cultural, foi un dos xestores do florecemento de Barcelona nas últimas décadas. Hoxe difunde o concepto de "marca cidade", unha idea forza ao redor da que toda urbe debe convocarse e facerse visible.
- Encontros empresariais, PUNTAZO DE ENCONTRO Haberá dende agora ata o mes de xuño, varios encontros con empresas relevantes de Galiza e que teñen realizado fortes apostas polo deseño, a creatividade e a innovación no seu desenvolvemento empresarial. O obxectivo é que estas empresas poidan coñecer o potencial dos membros do Puntazo e que se poidan establecer alianzas empresarias de futuro.
- Novos talentos do Puntazo. INCORPORACIÓN DE ALUMNOS DO CAMPUS Nesta edición 2017 tentarase que Pontevedra ten un Puntazo continúe a medrar e para iso trabállase coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra para incorporar aos alumnos que están a destacar en diferentes certames e convocatorias. Deste xeito, preténdese favorecer que os seus traballos teñan unha maior visibilidade e ademais que as empresas locais poidan coñecelos e mesmo abrirlles paso no mercado laboral, establecendo vínculos alumnado- empresa.
Relacionadas:
-
RADIO.- "As iniciativas do Puntazo permítennos expor proxectos multidisciplinares entre as empresas creativas"
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- De cháchara, falando de pan, cervexa e música
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Toni Puig: "Pontevedra tense que converter na terceira xeración das cidades creativas de España"
Por Marisa Ciordia |
-
Toni Puig, o 'gurú das cidades': "Me he enamorado de Pontevedra. Es la mejor ciudad de España para vivir"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |