Gañaches o partido? ou divertícheste? Cantos pais expoñen a segunda pregunta aos seus fillos cando terminan de xogar un encontro deportivo? Quizais estea aí o primeiro dos erros dos adultos cando se envía aos menores ás actividades deportivas. Deporte, no que a competición prima sobre a diversión ou a aprendizaxe. E de aí, consecuencias como a constante presenza de actitudes violentas nestes terreos.
Para estas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio, contamos cun árbitro, Miguel Angel Vidal, delegado de fútbol sala en Pontevedra do Comité Nacional. Confirma que as actitudes violentas "fóra do terreo de xogo" son habituais por parte dos adultos, máxime cara aos colexiados e deixa constar unha máxima "os árbitros non estamos fronte a ninguén, senón para colaborar con todos". Jaime Agulló, director do Servizo Municipal de Deportes, expón unha pregunta "por que a sociedade é tan permisiva coa violencia no deporte, cando a violencia é algo contrario aos valores deportivos?".
O cambio da situación é tarefa de todos: pais, clubs, árbitros, administracións...e tamén dos medios de comunicación. Luís Montes, responsable da base do Teucro, avoga por métodos de integración dos pais na actividade dos clubs deportivos, fronte a medidas que adoptaron algúns clubs de non permitir o acceso dos pais ás instalacións deportivas da entidade mentres se realizan os adestramentos. Engade ademais que "a competición en si non é nada".
Desta opinión é defensora Isabel Fernández, nai dun mozo e unha moza que militan no clube de balonmán, e delegada do equipo da nena. Explica que o comportamento dos menores é exemplar e teñen asumidos os valores do deporte, outra cosa é o que lle toca ver e oír fóra do terreo de xogo. Na súa casa, non se lles pregunta aos rapaces se gañaron ou perderon, senon se o pasaran ben. Que renda o exemplo.