Sairá adiante a proposta para crear parques forestais nos montes da provincia?
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou este mércores que as bases de subvencións a concellos destinadas á mellora dos montes mediante a creación de parques forestais aprobarase este venres en Xunta de Goberno provincial. Os municipios interesados, que poderán acadar ata 1,2 millóns de euros en axudas, disporán de dous meses para presentar as súas solicitudes.
Segundo indicou o nacionalista, "teño ilusión neste proxecto, que estaba no pacto de goberno, e gustaríame anunciar en dous meses que hai proxectos moi significados para mellorar o estado dos montes da provincia".
Mosquera tamén recoñeceu que "a tramitación é tan complicada que probablemente haxa poucas peticións".
A intención da Deputación é crear áreas de uso público e disfrute da cidadanía mediante a posta en valor de áreas de monte comunal con valores paisaxísticos, produtivos ou ambientais. Para garantir este obxectivo nas bases establécese a obriga de que sexan os concellos os que soliciten as subvencións á Deputación e non as comunidades de montes, coa intención de que os concellos sexan os garantes do uso público e que, mediante convenios ou acordos coas comunidades de montes, estas cedan o uso aos municipios.
Deste xeito evítase que unha comunidade de montes que solicite unha axuda, a consiga e despois non manteña a actuación ou peche o espazo ao público xeral. "Por iso tamén consideramos un prazo mínimo de cesión dos terreos de 20 anos", asegurou o vicepresidente.
Outro dos requisitos das bases son as características específicas das actuacións a subvencionar. Segundo indicou o vicepresidente, aceptaranse as replantacións, pero non serán o obxectivo único, senón que se pretende o fomento doutros aproveitamentos, de tipo gandeiro, micolóxico, de ocio… Así mesmo, é obrigatorio que as actuacións se executen en alomenos 50 hectáreas de terreo.