O PP esixirá a Lores que asuma os seus compromisos con Pasarón e a reforma de Campo da Torre
Por Redacción
O Partido Popular en Pontevedra teme que a urbanización do contorno do estadio municipal de Pasarón e a reforma da zona de Campo da Torre "pasen a engrosar a xa longa lista de proxectos enterrados polo Concello de Pontevedra" desde as pasadas eleccións municipais. De ahí que o seu voceiro, Jacobo Moreira, interpelará no vindeiro pleno ao alcalde para que reitere o compromiso público "que no seu día asumiu o equipo de goberno coas dúas obras".
No primeiro caso, o de Pasarón, o Partido Popular denunciou a semana pasada "a absoluta parálise" dos traballos xusto cando se cumpriron seis meses da inauguración oficial do estadio, coa celebración do amigable entre a Selección Española de fútbol e Arabia Saudí. Explicaba que hai máis de seis anos e medio que se declarou a urxente ocupación dos terreos e inmobles necesarios para a urbanización e o Concello "só fixo unha actuación provisional, improvisada ante a inminencia do partido inaugural".
O proxecto de acondicionamento da zona, que non forma parte da reforma de Pasarón, está redactado desde 2005 e valorado en 298.000 euros, "aínda que transcorridos máis de sete anos haberá que revisar os prezos e adecuar o traballo á superficie final", di o PP, pois na reforma do estadio ocupouse ao redor do 20% da área reservada, entre o estadio e a avenida da Coruña e Juan Bautista Andrade.
Pola súa banda, os populares denuncian que o proxecto de reforma de Campo da Torre foi presentado o pasado outono polo concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, "pero atopouse coa desaprobación veciñal en varias cuestións". Recordan que presentaron xa unha moción, rexeitada por BNG e PSdeG-PSOE, para que o goberno local "se sensibilizara coa endémica falta de aparcadoiros nesta área da cidade e que se aceptaran as peticións veciñais sobre o sentido das rúas, que querían que se deixaran tal e como están na actualidade".
Moreira teme "que o Concello estea barallando enterrar nun caixón estes dous proxectos, tal e como xa fixeran con outra longa lista, unhas decisións que a falta de orzamento municipal permite realizar dun xeito relativamente silencioso e escuro". Nesa relación inclúen o novo Plan Xeral, o Museo da Historia, o novo refuxio para animais, as medianeiras da Peregrina, o pillabici ou o inicio da rolda urbana con fondos municipais, entre outras iniciativas.