Sanxenxo reclama máis presenza policial en Semana Santa e o verán
Por Redacción
De 17.500 habitantes a uns 140.000. É o aumento que se produce, en tempadas vacacionais, en Sanxenxo. Convértese así na terceira cidade de Galicia en épocas como Semana Santa ou verán. Por iso, o goberno municipal reclama unha maior presenza policial para reforzar a seguridade cidadá.
Así llo pediu o alcalde á subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, na primeira reunión que manteñen tras a súa toma de posesión. Gonzalo Pita estivo acompañado pola concelleira de Seguridade, Vanesa Rodríguez; o presidente do CETS, Francisco González, e o xefe da Policía Local.
Todos eles coincidiron na necesidade de deseñar un operativo especial para Semana Santa, xa que as previsións de pernoitas no municipio son altas.
De cara ao verán, o alcalde reclamou un reforzo de efectivos no posto da Garda Civil de Sanxenxo para atender as necesidades derivadas dunha actividade nocturna propia dun municipio turístico dos máis importantes de Galicia.
A concelleira de Seguridade explicou a Ana María Ortiz que a Sanxenxo resúltalle "imposible" dispoñer dos efectivos necesarios para garantir a seguridade da poboación que durante os meses de verán fixa a súa residencia no municipio.
Gonzalo Pita explicou á subdelegada do Goberno que o turismo que elixe Sanxenxo para gozar do verán é sobre todo familiar, e que busca gozar da tranquilidade dun municipio costeiro con múltiples posibilidades.
Por iso, o alcalde solicitou un reforzo permanente durante o verán, que se intensifique especialmente de xoves a sábado e nunha franxa horaria de 4 a 8 da mañá.
Ana María Ortiz emprazou ao goberno municipal a unha mesa de traballo que se celebrará antes do comezo do verán e na que ambas as administracións planificarán o operativo de seguridade a despregar.
Relacionadas:
-
Comisiones Obreras denuncia a falta de recursos e de personal da Policía Local de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Constatan unha redución de incidencias en Sanxenxo durante a Semana Santa
Por Redacción |
-
Os policías locais de Sanxenxo poñerán multas "a toda máquina"
Por Oskar Viéitez |
-
Reforzan a seguridade no porto deportivo de Sanxenxo para Semana Santa
Por Redacción |
-
Os pontevedreses procrastinan as reservas das viaxes para Semana Santa
Por Sofía Fernández Fuentes & Mónica Patxot |
-
A Policía Local de Sanxenxo inicia un plan de tráfico en Luis Rocafort ata o 15 de xuño
Por Redacción |
-
Oito chalecos antibala para a Policía Local de Sanxenxo
Por Redacción |