CCOO sospeita que o cárcere da Lama quere substituír limpadoras por reclusos
Por Redacción
CCOO e a Federación de Actividades Diversas decidiu dirixirse a Institucións Penitenciarias para reclamar o mantemento das condicións na concesión do servizo de limpeza do cárcere da Lama, que actualmente xestiona a empresa Lincamar.
Segundo o sindicato a intención de Institucións Penitenciarias é recortar a contía da concesión nun 50% a partir do 1 de xuño a pesar de non existir unha diminución na carga de traballo, unha medida que afectaría directamente a catro empregadas que contan cunha xornada laboral de 30 horas semanais e a un traballador contratado por 10 horas, "de confirmarse verían reducida á metade a súa xornada laboral e o seu salario".
Detrás desta decisión podería estar, segundo as sospeitas de CCOO, o uso de reclusos nesas tarefas, "sospeitamos que se pretende substituír parte das tarefas que realizan as limpadoras por persoal recluso que sería utilizado como man de obra gratis. Os programas de reinserción non teñen nada que ver coa utilización de internos para suplantar emprego, ademais coa substitución do persoal de limpeza por reclusos podería darse unha fraude á Seguridade Social".