O campus de Pontevedra terá un novo grao e tres máster máis
Por Oskar Viéitez
O campus de Pontevedra comeza a dar pasos cara ao novo mapa de titulacións e faino coa aprobación este luns por parte do Consello de Goberno da Universidade de Vigo da declaración dunha nova titulación de grao e tres de máster.
O Consello de Goberno deu luz verde á proposta presentada pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que solicitaba o Máster Interuniversitario en Especialización, Investigación e Innovación en Educación Infantil e Primaria e á proposta da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación sobre a implantación do Máster en Social Media Management e Creación de Contidos Dixitais.
Cara ao seguinte curso, o 2019-2020, o Consello de Goberno manifestouse favorable a considerar unha oferta futura cara á aprobación formal dunha declaración de interese para que se poida impartir na Facultade de Belas Artes un Grao en Deseño e Creación.
Outro dos acordos adoptados este luns polo Consello de Goberno é que comece a impartirse para o vindeiro curso 2017-2018 no campus de Pontevedra o Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que substituirá ao titulo propio Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda (Esdemga), cuxo calendario de extinción tamén foi aprobado na sesión deste luns.
GRAO DE DESEÑO E CREACIÓN
Para o curso 2019-2020 a Facultade de Belas Artes amosou o seu interese en implantar un Grao en Deseño e Creación, co obxectivo de recuperar unha parte dos estudos de Belas Artes, cando no centro se impartía unha especialidade de deseño e audiovisuais. Así mesmo, arguméntase que o novo grao significaría o despegue da especialización do campus de Pontevedra como Campus Crea S2i.
CALENDARIO E LÍMITE DE PRAZAS
O calendario do curso 2017-2018 comprenderá do luns 4 de setembro do 2017 ao martes 31 de xullo de 2018, cun primeiro cuadrimestre que abarcará do 4 de setembro ao 19 de xaneiro e un segundo que irá do 22 de xaneiro ao 1 de xuño. A docencia interromperase entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro; o 12 e o 13 de febreiro e dende o 26 de marzo ao 31 de marzo.
En relación co límite de prazas para o vindeiro curso, no campus de Pontevedra mantéñense os mesmos do curso pasado.
Relacionadas:
-
Un novo mestrado no campus de Pontevedra busca potenciar a investigación e innovación en educación infantil e primaria
Por Oskar Viéitez |
-
A comunicación na rede, materia dun novo mestrado do campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
O novo mapa de titulacións universitarias inclúe o grao de Deseño e Creación no campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Esdemga, convidada en Londres á Graduate Fashion Week
Por Oskar Viéitez |
-
Design & Fashion Future Lab: o lugar onde atopar proxectos que mesturan deseño, moda e tecnoloxía
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Aberta a inscrición nas probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte
Por Redacción |