Apoio local ao Día Internacional para a eliminación da discriminación racial
Por Redacción
Este martes 21 celébrase o Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial no que este ano se dedica por Nacións Unidas a todos os emigrantes e refuxiados que se converteron nos principais obxectivos dos delitos de odio no ámbito internacional.
Neste sentido, tanto a Deputación de Pontevedra como o Concello realizaron este luns 20 un chamamento a través da presidenta provincial, Carmela Silva e do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores contra a discriminación racial reclamando á cidadanía accións na súa vida diaria que axuden a defender os dereitos humanos dos demais. Ambos alertaron dos perigos que leva a segregación racial, que termina por crear focos de pobreza e de desigualdade.
O 21 de marzo conmemórase o aniversario da matanza de 1960 en Sharpeville, en Sudáfrica, na que 69 persoas desarmadas foron masacradas pola policía mentres realizaban unha protesta pacífica contra as leis xenófobas do Apertheid.
O racismo é o principal motivo de delito de odio en España, representanto o 38,2%, cun total de 506 casos, do total de situacións denunciadas,, segundo a Axencia Europea de Dereitos Fundamentais.
Carmela Silva avogaba pola educación inclusiva e respectuosa porque, citando a Mandela, sinalaba que "Para odiar, as persoas necesitan aprender e se poden aprender a odiar, poden ser ensinadas a amar".