O pleno non pecha a porta a que o Provincial acolla unha residencia de maiores

Por Alejandro Espiño

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
A corporación municipal de Pontevedra avala a posibilidade de que o Sergas destine nun futuro parte do Hospital Provincial a residencia de maiores, ampliando a oferta existente actualmente na cidade, que se reduce ao centenar de prazas dispoñibles na residencia situada no barrio de Campolongo.
Os votos de BNG, Partido Popular e Cidadáns impediron que o pleno aprobase a moción presentada por Marea para que, tras a ampliación de Montecelo, o Provincial tivese un uso exclusivamente sanitario. Tan só os socialistas apoiaron esta iniciativa.
Luís Rei, portavoz de Marea, asegurou ver con preocupación a "ameaza" da Xunta de destinar este hospital á anunciada residencia porque, aínda que matizou que "é certo" que Pontevedra ten un "déficit" de prazas, considera que o Provincial "non é lugar máis axeitado", sobre todo cando o antigo asilo de Loureiro Crespo está desocupado.
A corporación, dixo, "non faría ben despreocupándose do hospital", polo que reiterou a importancia de que o Provincial manteña o seu carácter público e un destino "exclusivamente" sanitario, coordinado co hospital de Montecelo.
O Partido Popular opúxose a esta limitación de usos porque, segundo Jacobo Moreira, o hospital é un edificio "grande" que pode dar "acubillo" á nova residencia e ao mesmo tempo acoller servizos sanitarios. Será en todo caso, dixo, o plan funcional que se está redactando o que determine o destino do inmoble.
O BNG, pola súa banda, tentou sen éxito introducir unha emenda para que a moción incluíse eses usos sociosanitarios. Carme da Silva defendeu o carácter "público" do Provincial, pero explicou que o seu partido non apoia unha "limitación" que podería ser "perigosa" como pasou en Santiago, onde no antigo hospital de Galeras permitiranse usos residenciais, hostaleiros ou comerciais.
Tamén desde Cidadáns reclamaron que se permitan os usos sociosanitarios e que, en todo caso, que esa decisión "no sea política" e que sexan os técnicos do Sergas e a profesionais da área sanitaria quen "priorice" os usos que consideren "convenientes".
Relacionadas:
-
O conselleiro de Política Social tranquiliza os traballadores do centro de menores Avelino Montero
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A voltas no Parlamento de Galicia cos futuros usos do Hospital Provincial
Por Redacción |
-
A ausencia de dous edís do PP impide a reprobación ao BNG polo contrato da auga
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
SOS Sanidade Pública esixe participar activamente no proxecto do Gran Montecelo
Por Redacción |
-
En Marea rexeita que o Hospital Provincial se destine a residencia de maiores
Por Oskar Viéitez |
-
A nova vida do Provincial despois do Gran Montecelo: rehabilitación con derruba de partes engadidas nos 70
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha residencia de maiores para 120 persoas, novo uso para o Hospital Provincial
Por Alejandro Espiño |