A Deputación quere que o Goberno ampare aos fillos de vítimas da violencia machista
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, esixiu ao Goberno que lexisle para que a administración ampare aos fillos de vítimas da violencia machista para que estes poidan acceder a recursos públicos para afrontar a "reparación" dos danos e prexuízos causados por eses crimes.
Carmela Silva mostrou a "vergoña" e a "indignación" que sente polo feito de que teñan que ser os veciños da parroquia redondelana de Chapela quen estea recadando diñeiro "vendendo rifas" para poder reparar a vivenda de María José Mateo García, que morreu "brutalmente asasinada" como consecuencia dunha explosión de gas supostamente provocada pola súa ex parella, quen tamén perdeu a vida no suceso.
A presidenta provincial quere que Estado contemple medidas para resarcir aos orfos por asasinatos machistas posto que, a día de hoxe, a lei impide que as administracións poidan derivar recursos para "facer fronte ás consecuencias dramáticas dos asasinatos de mulleres e deste tipo destes actos tan deleznables". Silva instou a "que se cambie a lei e que se cambie xa".
FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN
Na rolda de prensa habitual para dar conta nos asuntos tratados na xunta de goberno da Deputación, a presidenta tamén informou que no próximo pleno propoñerase a adhesión da administración provincial ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Este organismo, sen ánimo de lucro, ten por obxectivo contribuír ao desenvolvemento do Terceiro Mundo achegando como mínimo o 0,7% do orzamento de cada Corporación ás políticas de cooperación internacional. Uns 90 concellos de Galicia, máis de 20 deles da provincia de Pontevedra, ademais das deputacións da Coruña e de Lugo xa forman parte del.
Silva cualificou de "vergoñoso" que a Deputación de Pontevedra non formase parte deste organismo que defendeu porque "sumar sinerxias fai que os recursos estean todos nun mesmo lugar e póidanse facer proxectos moito máis interesantes".
AXUDAS A CLUBS DEPORTIVOS
A xunta de goberno provincial tamén aprobou este venres a convocatoria das primeiras axudas de 2017 para os clubs deportivos por valor de máis de 1,5 millóns de euros, dos que 900.000 euros destinaranse aos clubs de elite que disputan competicións nacionais e 700.000 euros ao deporte base e ás categorías rexionais.