A rúa da Palma de Cuntis será acondicionada pola Deputación
Por Redacción
A pesar de ser una das rúas mais usadas en Cuntis, polo acceso que proporciona ao colexio, ao pavillón deportivo, ao cemiterio, ao cuartel da Garda Civil ou ao xacemento de Castro Landín, a rúa da Palma presenta unha gran deterioración. Por iso, a Deputación comprometeuse co Concello a deseñar unha actuación de mellora.
A expensas do acordo ao que se chegue co goberno municipal, o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, sinalou que a Deputación prevé mellorar esta rúa, especialmente o treito inicial de 400 metros antes da ponte.
"Entendemos que podemos facer unha actuación de mellora, con calmado de tráfico e acondicionamento da plataforma. Haberá que estudar como se fai o convenio co concello para poder mellorar tamén as beirarrúas e pechar un acordo ", subliñou Benítez.
Esta actuación na rúa da Palma, a EP-8402 entre Cuntis e Cequeril, podería ir acompañada da cesión da titularidade por parte da Deputación ao Concello do treito máis urbano, xa que a vía ten unha lonxitude total de 8,1 quilómetros.
Ademais, na xuntanza que mantivo o deputado co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, Uxío Benítez anunciou a inminente contratación dun paquete de obras na intersección das dúas estradas provinciais que se cruzan no municipio: a EP-8404 entre Piñeiro-Arcos e a EP-8403 entre Cuntis- Alto da Cruz.
Este cruzamento, situado nas inmediacións da escola unitaria de A Gándara na parroquia de Arcos, contará en breve con sete redutores físicos de velocidade e unha "zona 30" que terán como resultado un calmado do tráfico e unha maior seguridade viaria para todos os usuarios da vía, tanto vehículos como peóns.
Segundo dixo Benítez, as obras serán inminentes, xa que a Deputación está a ultimar o procedemento de contratación. Así, os sete redutores e a nova sinalización estarán instalados probablemente antes do verán, xa que o prazo de execución dos traballos é dun mes.
Relacionadas:
-
Cuntis renovará a fachada do pavillón municipal
Por Redacción |
-
Os lombos e a zona 30 chegarán a Cuntis a partir do mércores
Por Redacción |
-
Sete lombos e zona 30 para as inmediacións da escola da Gándara, en Cuntis
Por Redacción |
-
O centro de día de Cuntis terá un novo acceso por unha entrada provincial
Por Redacción |
-
O Concello de Cuntis reclama arranxos na Rúa da Palma
Por Redacción |