Correos terá nova oficina en Ponte Caldelas tras seis anos de queixas sindicais sobre a actual
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas tramitou xa a solicitude de licenza de obras e instalacións realizada por Correos para o acondicionamento dunha nova oficina na localidade. Este novo local responderá ás demandas realizadas por representantes sindicais dende o ano 2007.
O baixo está situado no número 22 da rúa José López Boullosa e ten unha superficie de 240,40 metros cadrados. De acordo cos datos do proxecto a nova oficina terá unha superficie útil de 216,65 metros cadrados distribuídos nas seguintes zonas: vestíbulo de acceso, área pública, dirección, área de vendas, paquetería, circulación, área operativa, almacén, cuarto técnico, cartería, SGIE, área interna (aseos/vestiarios) e outras instalacións.
A actual oficina está situada na praza da Lama, pero xa fora obxecto de varias denuncias e reclamacións por parte dos representantes sindicais da empresa dende o ano 2007, ao entender estes que entendían que esta non reunía os requisitos axeitados. Dende esa data Correos buscou diferentes alternativas.
O alcalde de ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, espera que con esa nova oficina Correos poida prestar un mellor servizo ao cidadán, ademais de mellorar as condicións laborais dos seus traballadores.