Sanxenxo pide celeridade na tramitación do polígono de Nantes, para o que xa hai precontratos con varias empresas
Por Redacción
O presidente da Xunta de Compensación do novo polígono industrial de Nantes anunciou que xa existen precontratos con varias firmas comerciais para implantarse neste chan industrial. O Concello de Sanxenxo se congratula coa noticia, "aínda que nos sorprende que a día de hoxe no Concello de Sanxenxo non haxa nova algunha sobre esta cuestión" e aprovéitaa para pedir celeridade en todos os trámites pendentes
Segundo o Concello, apareceron trabas que atrasarán uns meses a recepción debido á necesidade de solicitar permiso autonómico para infraestructuras eléctricas xa executadaa. Malia todo, o equipo de Goberno traballa sen pausa en coordinación con Unión Fenosa Distribución para acurtar os prazos de ejecución das instalacións pendentes o máximo posible. Tamén mantén reunións cos departamentos implicados da Xunta de Galicia co fin de acelerar a obtención das autorizacións necesarias ao coñecer de primeira man os requisitos esixidos para a súa concesión.
"De aquí en diante esperamos non atoparnos con máis sorpresas que supoñan un novo escollo a salvar, porque a nosa prioridade é concluír o antes posible o Parque Empresarial de Nantes convencidos de que suporá un antes e un despois no panorama laboral deste municipio; pero para iso debemos garantir aos propietarios das parcelas e ás empresas que contarán con todos os servizos", explicou o Executivo municipal.
Malia que a recepción do polígono demorarase uns meses, "seguemos a traballar na mesma liña, poñendo todo ou noso esforzo para que sexa unha realidade canto antes e que as empresas e profesionais interesados en establecerse aquí teñan claro que é a mellor elección que poden facer dada a inmellorable situación e características deste parque empresarial", comentou o equipo de Goberno, quen insistiu en que todas as accións a emprender neste polígono xa están detectadas e o diñeiro para realizalas atópase consignado a través do aval incautado.
Doutra banda, desde o Goberno sanxenxino aseguraron que non lle permitirán ao presidente da Xunta de Compensación que fale de boicot ao polígono cando "é o máximo responsable da inoperancia na xestión deste solo". Recordaron, ademais, que os propietarios séntense enganados como así llo transmitiron ao Executivo.
En canto ás declaracións vertidas polos portavoces da oposición a este respecto, "entendemos que sexan nesa liña tendo en conta as relacións tanto políticas como persoais de membros de SAL e do PSOE". Por ese motivo, o equipo de Goberno esixiu aos demais membros da Corporación municipal que realicen un exercicio de responsabilidade e primen o interese xeral sobre o particular.
Relacionadas:
-
O alcalde de Sanxenxo invita a Telmo Martín a instalar as súas empresas no polígono industrial de Nantes
Por Redacción |
-
Cruzada para que ningún cable sobrevoe o polígono de Nantes
Por Redacción |
-
Sanxenxo investirá uns 364.000 euros para repoñer os estragos do Polígono Industrial de Nantes
Por Redacción |