Eu son o teu pai... e o domingo é o meu día
Por Redacción
A Federación Provincial estima que os comercios da provincia de Pontevedra facturarán aproximadamente algo máis de 13 millóns de euros con motivo do Día do Pai, sendo o gasto medio por persoa esperado de ao redor de 35,28 euros, incrementándose lixeiramente as cifras con respecto ao ano pasado 2016.
Para a realización deste estudo realizáronse novecentas enquisas telefónicas a cidadáns da provincia de Pontevedra.
Entre outros datos destacados esta enquisa sinala que o gasto realizado no Día do Pai:
- Persoas entre 15 e 29 anos: o gasto medio é de 23,63 euros, efectuando agasallos o 70% dos enquisados.
- Persoas entre 30 e 49 anos: o gasto medio é de 44,17 euros, efectuando agasallos o 65% dos enquisados.
- De 50 anos en diante: o gasto medio é de 39,05 euros, efectuando agasallos o 15 % dos enquisados.
Na cidade de Pontevedra os comercios esperan uns ingresos de 1.8 millóns de euros con motivo deste día.
Os principais artigos que se regalan son roupa e artigos electrónicos, seguidos de colonias, libros e música.
Este ano o día do pai cae en domingo, polo que moitas familias aproveitarán para celebralo cunha comida nalgún dos restaurantes da provincia de Pontevedra, cun gasto medio previsto por persoa duns 20 euros. Segundo valoran desde a Federación Provincial de Comercio isto significará tamén un empuxe á hostalería da provincia, que nestes días tan sinalados, esperan mellorar ante a situación de crise económica en xeral, que se está vivindo tanto en Galicia, como en España en xeral, aínda que aos poucos imos recuperando niveis de antes da crise.
Tamén están as familias que celebran comidas nos seus domicilios, cun gasto medio estimado por persoa de 10 euros.