"Diferentes, alegres e actuais", así serán as festas do barrio de Campolongo
Por Redacción
Despois de moito traballo e esforzo, lográronse para Campolongo, baixo o punto de vista dos organizadores, unhas festas "diferentes, alegres, actuais e pensadas para todas as idades".
As festas darán comezo o sábado cun pasarrúas a cargo da agrupación "Pousos da Area", que farán un percorrido por diferentes rúas e prazas do barrio. Sairán da prazoleta de Xeneral Rubín, nunha homenaxe ás primeiras festas que se fixeron. Percorrerán lugares emblemáticos do barrio ata rematar na carpa situada na Praza da Constitución. Cando cheguen, xa haberá concertos en marcha e as "foodtrucks" funcionando a pleno rendemento. Estarán abertas o sábado de 12 da mañá a 12 da noite. O domingo, tamén comezarán ás 12 horas, pero rematarán antes.
Da man das 'foodtrucks' dentro da carpa, haberá moitas actividades. Ás 13 horas, comezarán os concertos da man de "Reynier Aldana", que traerá fusión musical impregnada de sons cubanos. Tras el, "Rodrigo Valiente" con temas propios e versións, activará ao público co seu atrevido directo. Seguindo dentro da carpa, tocará aprender (ou mellorar) o zumba coa dirección das Piscinas Municipais de Campolongo. De seguido, "Mace Sport" ofrecerá unha exhibición de taekwondo.
Sen tempo a descansar, asistiremos á destreza do alumnado do CEP Campolongo no seu show de ecopercusión, organizado pola ANPA San Xosé. Antes do arreón final dos concertos, poderase ver unha exhibición a cargo do "Club Escola Hungaresa de Esgrima Pontevedra". Xa a partir das 20 horas, a música volverá a ser a protagonista. Ás 20 horas, "La pistola del manco" traerán música para tirar un sorriso continuo do público. Como peche, "Brinkadelia Troupe", fará que os pes non podan estar parados.
Ademáis, fóra da carpa, haberá múltiples actividades. A asociación de veciños San Xosé organiza durante o sábado e o domingo un torneo de futbol sala nas pistas no colexio Campolongo, con participantes dos colexios Campolongo e Crespo Rivas.
O sábado, tamén haberá unha zona para nenos desde ás 13h, que incluirá inchables, obradoiros, pintacaras e xogos populares. Ademáis, un circuito de obstáculos para menores de 14 anos (organizado pola ANPA San Xosé) e unha actividade de recuperación da emblemática seta do parque.
O domingo contarán con "Estudo Bonobo", que farán un espectáculo onde o público sorprenderase do nivel de virtuosismo e calidade musical e artística dos novos talentos que presenta esta escola de artes da que saíron Furious Monkey House. Despois, a sesión vermú estará animada e dirixida polo señor "Raúl & Cía", que faran pasar un rato moi divertido e entretido.
Ao rematar, toma o relevo a petanca, cun campionato que dará comezo ás 16 horas. Posteriormente, terá lugar unha chocolatada popular que se leva celebrando uns cantos anos, con animación infantil. E ás 18 horas, Carlos Tomico e Elena adentrarán ao público no mundo do Lindy hop e o swing
En paralelo a todo isto, haberá un concurso en redes sociais, onde a imaxe con suma máis alta entre "Me Gusta/Favs e RT" de Instagram e Twitter, terá un premio. Para iso, hai que subir as imaxes co hastag #festascampolongo.
Os organizadores agardan "que a xente faga súas estas festas e volvamos a ver un barrio en pe de festa".