Os máis de cen postos do novo mercado de Barro fan pensar nunha ampliación do espazo
Por Redacción
Despois de abrir o prazo de inscrición para o mercado ambulante, o Concello de Barro recibiu as inscricións de 98 feirantes, dos cales 41 estaban xa vendendo no mercado, segundo consta nas fichas entregadas.
Segundo informou o tenente de alcalde, Jose Sanmartín, desde a Concellería de Promoción Económica comprometéronse con eses 41 ambulantes para que poidan ter o seu posto na mesma localización ou mesmo solicitar unha mellora, pero só terán ese dereito adquirido os que se inscribiron antes do día 6 de marzo.
O proceso atópase na fase previa, comunicándolles aos ambulantes que deben facer efectiva a contía do primeiro trimestre e así proceder a adxudicarlle o seu espazo. O trámite farase a través dun sorteo para aqueles 57 que son de nova inscrición.
A localización dos postos estará sinalizada cunha marca no chan ou bordo e haberá un espazo dun metro entre cada posto.
A Concellería de Promoción Económica non pecha o prazo de inscrición, pero no caso de chegar a un tope de postos, os restantes quedarán nunha lista de espera, para que, no caso de baixas ou ampliacións, se poidan sumar ao mercado.
NOVA ETAPA
José Sanmartín sinalou que "o próximo día 2 de abril comezará unha nova etapa no mercado de Barro onde se esixirá toda a documentación e farase cumprir a ordenanza municipal" que, en todo caso, o goberno local non descarta revisar para adaptala á nova situación.
Desde o Concello afirman que tamén esixirán que os postos queden "recollidos e limpos ao final da actividade", non permitindo deixar o lixo tirado pola rúa. No caso de non cumprir este requisito, aplicarase ao vendedor a correspondente sanción .
Para contribuír á limpeza, colocaranse máis colectores polas proximidades do mercado e mesmo se estuda facilitar bolsas de lixo ou similares.
As estimacións realizadas desde esta concellería prevén que a recadación dun só día achegue tantos ingresos ás arcas municipais como a anterior xestora do mercado abonaba por un trimestre. Nos primeiros domingos contarán coa colaboración da Garda Civil para velar pola seguridade e control do mercado, ademais da propia implicación dos concelleiros do goberno.
O tenente de alcalde, Jose Sanmartín, destacou que coa posta de longo do novo mercado ambulante de Barro, "abrimos unha nova etapa moi ilusionante e na que poñeremos todas as garantías co fin de que todos os vendedores estean nas mesmas condicións para exercer a súa actividade".
Trimestralmente requiriráselles a documentación e o abono do trimestre por adiantado. Todos os postos terán á vista o seu cartón identificativo que será expedido polo Concello e que lles autoriza a vender neste espazo público.
Por último, desde a Concellería de Promoción Económica farase unha campaña de publicidade nos medios de comunicación para axudar a promocionar o mercado.
Relacionadas:
-
Barro congrega un cento de vendedores e milleiros de clientes no seu novo mercado ambulante
Por Diego Torrado |
-
Máis vendedores e unha maior variedade de produtos, atractivos do novo mercadillo de Barro
Por Alejandro Espiño |
-
O mercado ambulante de Barro volve a mans do Concello a partir de abril
Por Redacción |
-
O Concello de Barro asumirá en 2017 a xestión directa do "mercadillo" ambulante
Por Oskar Viéitez |