10 persoas faleceron por gripe no 2016 nos Hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción
A Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra revela que, na campaña de vacinación antigripal do pasado ano 2016, administráronse un total de 153.431 doses antigripais na provincia. Delas, 106.852 foron destinadas a maiores de 65 anos, máis do 50% da poboación con esta idade, segundo os datos ofrecidos pola consellería. Trátase de case 10.000 doses máis que as inoculadas durante 2015.
Os datos da vixilancia de ingresos de gripe amosan que nos hospitais de Pontevedra e do Salnés rexistráronse 230 ingresos por esta enfermidade, co falecemento de 10 persoas. Todos eles atopábanse dentro da poboación á que vai destinada a campaña de vacinas antigripais, pero o 40% dos falecidos na provincia non se tiñan vacinado.
Na área de Xestión Integrada de Pontevedra-O Salnés administráronse na pasada campaña un total de 49.986 doses. Desta cifra, 35.500 correspóndense con persoas maiores de 65 anos, cunha cobertura que se sitúa nun 54%.
Segundo a consellería, a porcentaxe de traballadores sanitarios, persoal médico e de enfermería vacinados amosa un importante incremento durante esta campaña acadando unha cobertura global do 31% en Pontevedra e O Salnés, fronte ao 26% de 2015. En Atención Especializada lográbase unha cobertura do 28%, un incremento de 7 puntos en relación ao ano 2015.
A web http://gripe.sergas.gal conta con información tanto para profesionais sanitarios coma aspectos prácticos para a cidadanía.
Relacionadas:
-
Sanidade rexeita falar de colapso en Urxencias mentres o persoal o atribúe á "nefasta xestión"
Por Natalia Puga |
-
Segundo día de colapso en Urxencias de Montecelo
Por Natalia Puga |
-
Vacínate contra a gripe! O ano pasado 83 persoas ingresaron en Pontevedra e O Salnés e sete faleceron
Por Natalia Puga |