As subcontratas do Nó do Pino cobrarán tras renunciar ao 40% da débeda
Por Oskar Viéitez
Vailles a saír máis caro do que esperaban. Estaban dispostas a aceptar unha quita de 25% para cobrar a débeda pero finalmente as subcontratas que traballaban nas obras do nó do Pino asumirán unha quita de máis do 40 % sobre os 1,8 millóns de euros que lles debía Obras, Caminos y Asfaltados (OCA), adxudicataria dos traballos.
Estes empresarios reuníronse en Madrid con responsables da empresa OCA. Un encontro cuxos términos manexan con tino. Polo menos ata que se cobre.
Segundo trasladaron estes empresarios, tras aceptarse o convenio cos acreedores o cobro será inmediato para a gran maioría das 26 subcontratas excepto no caso de cinco empresas que tardarán un pouquiño máis, pero co compromiso de que "será ao longo deste mes de marzo".
Tampouco puideron pechar un compromiso de continuidade nos traballos coa empresa Sacyr que será a nova adxudicataria dos traballos de remodelación. Nin sequera teñen unha data concreta para retomar estas obras, aínda que desde Fomento espérase que sexa en abril.