Licitan a explotación do quiosco da praia fluvial da Calzada
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas saca a licitación o servizo de quiosco da praia fluvial da Calzada para os próximos dous anos, con posibilidade de prórroga ata un máximo de catro.
As persoas ou empresas interesadas deben presentar as súas ofertas ata o próximo día 16 deste mes de marzo e poden consultar todos os detalles nos anuncios de licitación e no prego de cláusulas administrativas publicados no Boletín Oficial da Provincia e no Perfil do Contratante do Concello desde o pasado día 1.
O criterio único de adxudicación será o investimento anual, para o que se fixa un importe mínimo de 2.000 euros máis IVE, no que poden incluírse tanto investimentos materiais (obras na instalación), como equipamentos (mobiliario ou outros bens), recursos persoais ou materiais ou mesmo actividades de dinamización da praia fluvial. Ademais, o concesionario quedará obrigado a pagar un canon anual de 559 euros.
O concesionario queda obrigado á limpeza, mantemento e recollida das mesas e cadeiras exteriores. Ademais, esíxense seguros de responsabilidade civil por danos a terceiros e para responder do coidado das instalacións.
O horario de apertura diaria, entre xuño e setembro, deberá ser entre as 12 e as 21 horas como mínimo. No resto do ano é opcional, aínda que obrigado, previa comunicación, en caso de organización de actividades nesta contorna.
O edificio está datado no ano 1999 e ten unha superficie construída de case 50 metros cadrados repartidos nunha zona de bar-cafetería de 23,50 metros, un almacén de case 10 metros cadrados e os aseos. Ademais, conta cun amplo espazo frontal no que é posible colocar mesas e cadeiras para atención do público.