Nacións Unidas difundiu este 2017 a seguinte lema con motivo do Día Internacional da Muller: "As mulleres nun mundo laboral en transformación, cara a un planeta 50-50 en 2030". Este foi o punto de partida destas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio nas que contamos con catro voces femininas como convidadas. Falamos de brechas salariais, de empoderamento e toma de decisións tanto no ámbito público como no privado, de educación, de conciliación e de violencia machista.
Luisa Márquez, coordinadora da Rede Galega de Escolas da Unesco, refírese precisamente a ese documento internacional, "hai que escribir o Libro Branco da Igualdade 50-50 na sociedade. Por iso digo que hai tantas responsabilidades compartidas, é cuestión de todas e todos, pero hai persoas con máis responsabilidade. As que están á fronte das nosas sociedades teñen que lexislar con perspectiva de xénero para que os cidadáns nese Libro da Igualdade podamos ir poñendo eses avances, interiorizarlos e poñelos en marcha".
Ana Ortiz, subdelegada do Goberno en Pontevedra, pon o acento na "educación en valores" tanto no ámbito educativo como familiar. No que incumbe á violencia machista subliña non só a traxedia que supón unha muller asasinada, senón tamén a das "vítimas colaterais ao redor desa muller. Os recursos son os que son e desde logo hai que melloralos; pero tamén hai que ter en conta os graos de protección e perigo que existen ou outras dificultades engadidas para previr como son casos onde non hai denuncias anteriores e de súpeto te atopas cunha persoa que está disposta a matarse coa súa parella"
A Lucía Pedroso, presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra, sorpréndelle como as mozas novas de hoxe permiten condutas represivas, controladoras ou violentas por parte das súas parellas e que non as denuncien. Doutra parte, fai unha reflexión sobre a crítica social que persiste cando a presenza da muller na conciliación familiar e laboral é inferior á do home. Máxime cando esa crítica vén das mesmas mulleres.
Patricia Vilán, viceportavoz do PSdG-PSOE no parlamento galego e avogada, engade respecto diso que "ao final o que se discute é o meu dereito á miña liberdade e á miña elección. Teño que ter dereito a elixir o que queira con absoluta liberdade. O problema é que hai mulleres que non son libres para tomar esa decisión. Nin física nin psíquicamente. Por iso aínda hai mulleres que pensan: podo traballar, si, pero como un completo; de forma que el vai gañar sempre máis e eu menos porque son o complemento da familia e teño que coidar ao neno e ao avó que ten demencia... e todo iso en 24 horas fai imposible evolucionar. E cando unha evoluciona moito hai críticas, por parte del e delas, pero estas mulleres non o fan conscientemente, senón que manteñen esa mochila paternalista e machista que ao final nos afecta a todos".