As novas oficinas do DNI, unha factoría de 26.126 documentos
Por Natalia Puga
A espera media para a expedición ou renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) ou o pasaporte en Pontevedra sitúase en 15 días. Tal e como puido comprobar PontevedraViva este mércores, calquera cidadán podía entrar na páxina web de cita previa do Ministerio do Interior e obter hora para o vindeiro mércores 22 de marzo nas novas oficinas da rúa Fernández Villaverde.
Esta espera, que sempre pode ser demasiada para quen ten présa, contrasta con épocas do pasado nas que a cita previa se demoraba máis dun mes ou coas críticas formuladas por sindicatos como a Unión Federal de Policía, que denuncia a "cada vez máis perentoria" falta de funcionarios civís para cumprimentar os DNI, coa "espada de Damocles de recorte de horarios" para tramitarse a renovación.
Desde maio de 2016 o DNI e o pasaporte xa non se tramitan no primeiro piso da Comisaría Provincial da rúa Joaquín Costa, senón nas antigas instalacións do Banco de España na rúa Fernández Villaverde, á beira do supermercado Froiz. Desde a apertura desta nova oficina, desde os seus equipos xa se expediron máis de 26.000 documentos identificativos.
En concreto, segundo as cifras facilitadas este mércores, en menos de dez meses expedíronse 21.100 exemplares do DNI e 5.026 pasaportes.
As persoas que acudan ás dependencias para a primeira expedición ou renovación do DNI e/ ou o pasaporte, deberán solicitar con anterioridade cita previa a través do teléfono número 060 ou da páxina web www.citapreviadnie.es. A maiores, desde finais do mes de febreiro, está dispoñible unha pasarela de pago para abonar por vía telemática as taxas correspondentes á expedición do DNI e do pasaporte, un novo servizo que permite efectuar o pago no mesmo momento no que se reserva a cita previa para obter estes documentos.
A Policía Nacional lembra que, ao obxecto de reducir os prazos de espera e mellorar o nivel de calidade do servizo de atención ao cidadán, non demore as renovacións de documentación con vistas ao novo período vacacional de Semana Santa. O horario de atención ao público é de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas de luns a venres e os cidadáns poden renovar o DNI ata 90 días antes da súa caducidade, deste xeito poderanse evitar présas e desgustos de última hora.
Relacionadas:
-
A Comisaría aconsella pedir cita con antelación para renovar o DNI
Por Redacción |
-
En Pontevedra xa se pode renovar DNI seis meses antes de que caduque
Por Redacción |
-
Pontevedra sufriu un recorte de 24 efectivos do persoal encargado da expedición do DNI
Por Redacción |
-
O DNI estrea oficinas: "Son más cómodas y céntricas"
Por Natalia Puga |
-
Todo a punto para que o DNI empece a expedirse o luns no antigo Banco de España
Por Natalia Puga |
-
O DNI, porta a porta
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |