O comité de empresa de ENCE elabora un informe en que cualifica o ERE de inviable
Por Redacción
O comité de empresa de Ence xa elaborou o informe que mañá, martes 12, pola mañá presentarán ao resto de compañeiros dos comités das outras fábricas da empresa. Neste informe expoñen que a factoría de Lourizán xa se encontra co persoal moi axustado e que, polo tanto, resultan inviables os 39 despedimentos anunciados pola dirección de Ence.
O presidente do comité, Jesús Graña, asegura que o descenso do equipo supoñería un perigo en canto a seguridade e levaría consigo perda de produción. Ademais, entende que as cifras que a empresa pastera ofrece para xustificar os despedimentos non son realistas.
Tras consensuar coa parte social, pola tarde presentarase o informe á dirección da empresa. A partir dese momento comezará a negociación na que, dende o comité, agarda que a patronal rebaixe as súas intencións iniciais.
O xoves está previsto que se manteña unha asemblea dos traballadores na fábrica pontevedresa na que se expoñerán as novidades da negociación e iniciaranse as protestas que xa están marcadas no calendario de mobilizacións.
Ata entón, os traballadores continúan protagonizando concentracións diarias no interior da fábrica para mostrar o seu desacordo co ERE anunciado pola dirección.