A muller pontevedresa móvese entre a inestabilidade e a desigualdade laboral
Por Redacción
Comisiones Obreras mostrou na véspera do 8 de marzo os datos sobre a precariedade e a pobreza laboral da muller que se rexistra tanto no municipio como na comarca de Pontevedra.
No concello, hai máis mulleres que homes en idade legal de traballar, segundo os datos da EPA. De 72.100 persoas con máis de 16 anos, 36.200 son mulleres e 35.900 son homes. Desde o sindicato sinalan que desde o inicio da crise económica degradáronse as condicións laborais cunha precariedade que provocou a evolución do fenómeno da pobreza laboral, afectando fundamentalmente as mulleres.
Segundo os datos expostos pola responsables de Igualdade do sindicato de Administración do Estado de Comisiones Obreras, Pilar Seoane, a taxa de paro de mulleres a finais de 2016 atópase 1,4 puntos por encima da do cuarto trimestre de 2009, mentres que a dos homes supéraa 4,6 puntos.
Os datos do IGE sinalan que máis do 35% dos contratos rexistrados na comarca durante 2016 foron a xornada parcial situándose nunha cifra de 31.765. De todos eles, case o 49% foron para mulleres mentres que no caso dos homes baixa a menos do 24%. A Enquisa de Poboación Activa mostra tamén outro dato concluínte, a gran maioría de mulleres consultadas afirman que o motivo polo que contan con xornada parcial é porque non puideron atopar traballo a tempo completo. A representante sindical indicaba que normalmente estes contratos parciais non permiten obter o soldo suficiente para manter á familia.
Outro dato relevante mostra que 2016 pechou con 12.207 persoas desempregadas nos servizo e o 63 % eran mulleres. Pilar Seoane indicaba que a maioría destes casos coinciden con labores que se asocian con amas de casa.
Ante esta situación, o sindicato considera que as mulleres de Pontevedra móvense entre a inestabilidade e a desigualdade laboral con contratos de escasa duración e Pilar Seoane considera que non existen políticas reais de igualdade por parte das distintas administracións.
Desta forma, reclamaba permisos de paternidade e maternidade nas mesmas condicións, xa que actualmente o de paternidade é voluntario mentres que o das mulleres é obrigatorio durante as seis semanas seguintes ao parto. Sinala que este tipo de medidas provocan que a maioría dos homes sigan sen implicarse no ámbito doméstico. Ante esta situación, Comisiones Obreiras reclama plans de igualdade tanto a través da Deputación Provincial como da Xunta de Galicia.