Alumnos do Carlos Oroza colaboran coa Rede Axuda
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Coa idea de realizar un acto benéfico ao mesmo tempo que poñían en marcha unha práctica de todo o estudado durante o curso, os alumnos de Protocolo do Centro de Formación Profesional Carlos Oroza decidiron emprender unha campaña solidaria de recollida de alimentos.
Desta forma, no centro instalouse unha mesa con caixas para que os trescentos estudantes e o profesorado do centro colaboren coa Fundación Meniños; co comedor de San Francisco; Cáritas; Calor e Café e a Fundación Amigos de Galicia. Entre outras necesidades, estes colectivos solicitan alimentos como leite, azucre, aceite, galletas ou friames, ademais de calzado, roupa, cueiros e material escolar.
O director do Centro, Primitivo López, tamén comentou que ao final da semana intentarán ceder algúns alimentos que poidan sobrar das actividades hostaleiras de aprendizaxe que realizan no centro: "intentamos aprovechar todo pero si queda algo que no suponga un riesgo alimentario, lo entregaremos". Todo o que se recolla será xestionado despois pola Rede Axuda.
A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, asistiu á presentación da iniciativa solidaria e sinalou que cando reciban os alimentos e o resto de materiais doados serán trasladados a cada asociación quedando constancia do centro que realiza esta axuda.
O luns 18, os alumnos de Protocolo organizan, baixo a tutela da profesora Pilar Novelle, a gala denominada Oroza Musica World en Pantón (Lugo). Durante esa gala que se presenta como unha práctica na que desenvolverán os conceptos que viñeron aprendendo durante o curso escolar, coa distribución das mesas, selección de música ou entrega de premios. O obxectivo tamén é que os alumnos perciban, sendo clientes dun hotel de catro estrelas, como resulta o desenvolvemento dun negocio destas características.