Nova empresa para o polígono da Reigosa: Egasen creará dez postos de traballo
Por Redacción
O polígono da Reigosa terá un novo inquilino. Trátase da empresa Egasen, que instalará en Ponte Caldelas unha pioneira fábrica de redutores industriais. Suporá un investimento de preto dun millón de euros e xerará uns 10 postos de traballo entre persoal de comercio exterior, operarios, administrativos e atención ao público e almacén.
O proxecto técnico está xa en elaboración, tanto na parte arquitectónica como de enxeñería, e será presentado ao Concello nun prazo aproximado dun mes.
A compañía, ata o de agora, estaba dedicada á importación de motores eléctricos e redutores industriais. Con este proxecto dá o paso de contar cunha fábrica propia, localizando así a produción e xerando emprego local en lugar de traballar exclusivamente con material procedente de países como China.
A idea dos responsables de Egasen (Electro Gálvez y Senebre S.L.) é poñerse en marcha entre finais de este ano ou ao longo de 2018, coa vista moi posta no mercado latinoamericano, onde teñen detectado unha oportunidade de negocio.
O Concello aplicará unha bonificación dun 50% no Imposto de Construcións, Instalacións e Obra coa condición de que a selección do persoal se realice a partir da bolsa de contratación que manexa o Concello cos veciños e veciñas que se atopan en situación de desemprego.
Estas condicións, que son habituais en Ponte Caldelas, están a exercer un forte poder de atracción cara ao polígono de A Reigosa, onde xa só quedan 13 parcelas dispoñibles.
Juan J. Barreiro, como responsable de Egasen, explicou que adquiriron unha parcela de 2.700 metros cadrados, onde van erguer unha nave duns 1.500 metros cadrados construídos para acoller a súa nova actividade industrial. Actualmente xa dispoñen de instalacións no polígono do Campiño, como firma importadora.
A idea da nova empresa xurdiu tras detectar un nicho de mercado en Latinoamérica, difícil de cubrir unicamente como distribuidora de material importado.
Por iso decidiu dar o salto cualitativo de lanzarse á produción directa, controlando todos os pasos da fabricación, flexibilizando o catálogo para adaptarse ás necesidades dos clientes e mellorando a calidade con produtos que contan co selo da Unión Europea.
Os redutores son sistemas industriais que se encaixan aos motores eléctricos e serven para reducir velocidade e incrementar potencia.
Utilízanse nunha gran variedade de procesos de fabricación en cadea, con especial aplicación a todo tipo de cintas transportadoras, tan habituais nas industria da automoción ou na conserveira. Tamén son imprescindibles en maquinaria de corte de pedra ou madeira, entre outras moitas.
Relacionadas:
-
Metal Works contratará veciños de Ponte Caldelas que completen un plan de formación
Por Redacción |
-
Os petróglifos de Ponte Caldelas darán nome ás rúas do polígono da Reigosa
Por Redacción |
-
Unha firma de elaborados de peixe vai instalarse na Reigosa creando 42 postos de traballo
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Aparatoso incendio nos restos de cascallos acumulados nunha nave abandonada na Reigosa
Por Natalia Puga |
-
A conserveira Orbe espera contratar a 80 traballadores máis na Reigosa
Por Oskar Viéitez |