Estafa 2.000 euros a unha anciá de Poio tras finxir ser un sobriño seu que vive en Estados Unidos
Por Redacción
Os estafadores parecen agudizar o enxeño para enganar ás súas vítimas. A última en sufrir unha destas últimas modalidades de estafa foi unha veciña de Poio, de 90 anos de idade, á que subtraeron 2.000 euros nun timo telefónico.
Foi, segundo informa a Garda Civil, o pasado 1 de marzo. A muller recibiu unha chamada dunha persoa que se fixo pasar por un sobriño seu que vive en Estados Unidos. O suposto familiar díxolle que viña visitala, pero que para poder entrar en España tiña que facer fronte a unha multa de 2.000 euros que lle puxeran no aeroporto de Barajas.
A coincidencia de que esta señora tivese un sobriño residindo no país estadounidense, axudou á estratexia do estafador, que enseguida logrou convencela para que lle enviase o diñeiro reclamado.
Xa co beneplácito da vítima, o familiar ficticio pediu un taxi que se acudiu no seu domicilio para recoller o sobre co diñeiro. O taxista, cumprindo as instrucións recibidas telefonicamente do "sobriño" desprazouse ata Sanxenxo, onde supostamente o esperaba unha terceira persoa para facerse cargo do diñeiro.
Pero durante o traxecto, o taxista recibiu unha nova chamada informándolle de que a persoa que tiña que recoller o diñeiro sufrira un contratempo e que non podía acudir á cita. Por iso, pedíronlle que ingresase 1.000 euros en Wester Union a nome dunha muller residente en México e outros 700 noutra oficina distinta a nome doutra muller, tamén de México.
O seu interlocutor díxolle ao condutor, ademais, que quedase co diñeiro restante, que eran 200 euros unha vez deducidos os gastos dos envíos, para que o fora a recoller a Peinador ao día seguinte, circunstancia que non se chegou a producir.
Os investigadores sospeitan que o taxista puido acabar sendo consciente da estafa, polo que a Garda Civil procedeu á súa investigación por quedar con parte do diñeiro estafado.
A investigación continúa aberta para o total esclarecemento dos feitos.
Ante a proliferación das denominadas estafas de emerxencias de familia, a Garda Civil aconsella que se resista a presión de actuar inmediatamente, calquera que sexa a gravidade da historia.
Recomendan verificar a identidade da persoa que chama facéndolle preguntas que un descoñecido non podería contestar, comprobar a veracidade da historia con outra persoa da súa contorna familiar aínda que lle dixeran que garde o segredo e que poña o feito en coñecemento das forzas e corpos de seguridade do Estado.