O PP ve "incapacidade de xestión" do BNG na terceira prórroga do contrato do lixo
Por Redacción
Para o Partido Popular, a prórroga do contrato do lixo anunciada polo goberno municipal é unha mostra da "incapacidade de xestión" do BNG á fronte do Concello de Pontevedra. Con esta terceira ampliación, lamentan, os nacionalistas incumpren as súas previsións.
O voceiro do PP, Jacobo Moreira, recorda que o goberno tivo "máis de 17 anos" para preparar un novo contrato, pero "a súa falta de xestión e de coordinación" levarán ao Concello a asumir unha terceira prórroga da adxudicación que no seu día logrou Cespa, empresa hoxe denominada Ferrovial Servicios.
A pesar de que no ano 2014, coa sinatura da segunda prórroga, o goberno aseguraba que habería tempo para deseñar, construír e poñer en marcha a planta de compostaxe da Canicouva e redactar o novo contrato, o BNG "segue sen facer os seus deberes en tempo e forma", o que aboca a Pontevedra a ampliar de novo o contrato en vigor.
Neste sentido, o portavoz popular destacou a falta de avances na planta de compostaxe, da que "o único que sabemos é que os pontevedreses estamos a pagar 25.000 euros anuais polo aluguer duns terreos en A Canicouva nos que nin sequera se levaron a cabo labores de roza".
Os populares insisten en que Lores e o seu goberno tivo "tempo suficiente" para prever esta situación, igual que ocorreu co contrato para o servizo de abastecemento de auga.
A este feito, engade Moreira, súmanse "obras e contratacións públicas paralizadas" que, para o voceiro popular, demostran que o actual goberno local son "incapaces de xestionar" o Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra ve "unha oportunidade" na prórroga no contrato do lixo
Por Redacción |
-
O Concello oficializa a terceira prórroga do contrato do lixo
Por Natalia Puga |
-
Jacobo Moreira cre que "o PSOE é prisioneiro da connivencia que tivo no pasado co BNG"
Por Oskar Viéitez |
-
Prorrogan o contrato do lixo en Pontevedra, á espera de concretar o plan de compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
O saneamento do rural completarase con cargo ao novo contrato da auga
Por Alejandro Espiño |
-
Rescatará Pontevedra os servizos de auga e recollida de lixo?
Por Alejandro Espiño |