A mellora da PO-531 comeza no acceso ao polígono de Sequeiros
Por Redacción
Operarios da empresa COVSA iniciaron este luns os traballos de mellora da seguridade viaria no acceso ao polígono de Sequeiros, no concello de Barro. Trátase da primeira fase das actuacións comprometidas pola Xunta para o acondicionamento da estrada PO-531.
Nos primeiros días levaranse a cabo traballos como a colocación de casetas e sinalización da zona de obra, entre outros. Esta mellora ten un prazo de execución de seis meses e terá un custo de más de 380.000 euros.
O obxectivo principal do proxecto é acadar a redución da velocidade de circulación na contorna do punto quilométrico 8 da estrada, e deste xeito reducir a accidentalidade que se rexistra neste tramo.
As actuacións previstas centraranse na execución dunha glorieta no principal acceso ao polígono industrial de Sequeiros. A construción da rotonda, ademais de mellorar a seguridade viaria ao evitar os numerosos cruzamentos que se producen desde o carril central actual, conseguirá minimizar o tráfico na contorna.
O exceso de velocidade identificouse como unha das principais causas dos accidentes que se rexistra no tramo; por tanto, a execución da glorieta, que obrigará á redución da velocidade por parte dos condutores, colaborará a mellorar a seguridade viaria da PO-531 en Barro.
O proxecto tamén contempla a execución de paradas de autobús cun apartadoiro, de xeito que os autobuses non paren no carril de circulación, así como melloras nas barreiras de contención e na sinalización. A actuación compleméntase coa rehabilitación do firme dos accesos ao polígono e ao núcleo de Sequeiros, nun treito antigo da estrada..
Esta obra forma parte dun proxecto máis amplo de mellora da seguridade viaria na PO-531. A Consellería de Infraestruturas acordou cos veciños que a seguinte fase de mellora desta estrada consistirá na construción dunha rotonda na Devesa, no punto quilométrico 7, xa no termo municipal de Pontevedra.
Relacionadas:
-
As obras de asfaltado da PO-531 chegan ao Vao
Por Oskar Viéitez |
-
A rotonda de acceso ao polígono de Sequeiros estará rematada no verán
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta quere reducir a velocidade de circulación no acceso ao polígono de Sequeiros
Por Redacción |
-
Tres novas empresas instalaranse no polígono de Sequeiros nos próximos meses
Por Redacción |
-
A Xunta licita as obras para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-531 en Barro
Por Redacción |
-
A consellería busca o consenso da veciñanza da Devesa para instalar unha rotonda
Por Redacción & Oskar Viéitez |