O IES Luis Seoane, á final galega do Club de Debate
Por Redacción & Diego Torrado
Pontevedra volverá estar representada na final galega do Club de Debate. O instituto Luís Seoane de Monte Porreiro foi un dos dous centros que lograron o pase a esta cita na eliminatoria celebrada este sábado no Pazo da Cultura.
O equipo de debate do IES Luís Seoane quedou clasificado na segunda posición desta eliminatoria, na que participaron tamén os centros pontevedreses Sánchez Cantón e Torrente Ballester, o instituto de Ponte Caldelas, o colexio San Narciso de Marín, dous equipos do Xulián Magariños de Negreira e outros dous do instituto de Rois.
O gañador, segundo a valoración do xurado, foi o equipo número 2 do IES Xulián Magariños.
Todos os participantes tiveron que debater sobre un tema de máxima actualidade, o relacionado coa acollida de persoas refuxiadas. Como recollen as normas, cada equipo tivo que defender -en diferentes duelos- tanto a postura a favor a esta acollida como a posición en contra á chegada dos refuxiados.
Na final, que se celebrará en Santiago de Compostela o próximo 6 de maio, debaterase sobre o futuro da lingua galega entre a mocidade.
En total, no Club de Debate participan 27 equipos de toda Galicia. Son máis de 200 estudantes de terceiro e cuarto da ESO e de primeiro de Bacharelato.