Ponte Caldelas lanza unha campaña de empadroamento
Por Redacción
"Empadróate en Ponte Caldelas" é a nova campaña do Concello, co obxectivo de consolidar o crecemento no número de veciños que comezou a manifestarse durante o pasado ano 2016, rachando así coa negativa tendencia de máis dunha década de perda constante de habitantes.
O Concello deu o visto bo a unha iniciativa que se lanza a primeiros de ano e coa necesaria antelación aos períodos de cobro das taxas e impostos municipais, nos que se teñen introducido importantes beneficios fiscais, dos que só poderán tirar partido as persoas empadroadas, ben por risco de exclusión, ben por seren familia numerosa.
Este requisito tamén é esixible para acceder ás axudas de emerxencia social do Concello e para participar en todas as iniciativas de formación, lecer ou culturais que desenvolve o goberno local.
Ponte Caldelas incrementou o seu padrón en 33 novos veciños durante 2016, chegando así aos 5.573 habitantes. Foi, xunto aos concellos de Barro, Poio e Pontevedra o único en crecer na zona centro da provincia. Ademais, en termos porcentuais, foi o que o fixo nun maior grao (un 0,60%).
O goberno local destaca que Ponte Caldelas, que tiña preto de 7.000 habitantes en 1996, rexistrou unha profunda crise demográfica dende entón. A perda agudizouse a partir do ano 2005, cando comezou un constante declive dende os 6.515 habitantes rexistrados daquela ata baixar aos 5.540 cos que rematou no ano 2015.
O ano 2016 tivo lugar a inversión da tendencia grazas á ganancia de 33 habitantes.
Relacionadas:
-
O IGE confirma o saldo migratorio positivo en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas emprega os sendeiros de andainas para buscar novos veciños
Por Redacción |
-
2.796 pontevedreses son orixinarios doutros países
Por Oskar Viéitez |
-
Un veciño de Xustáns convértese no primeiro varón centenario de Ponte Caldelas
Por Redacción |