Tres de cada dez botellas de viño Rías Baixas véndense xa no estranxeiro
Por Redacción
As exportacións dos viños Rías Baixas seguen en aumento. Tanto que, segundo datos oficiais do Consello Regulador, tres de cada dez botellas que comercializan as súas adegas véndense en mercados estranxeiros. E así, a facturación por este concepto disparouse en 2016 ao superar os 33 millóns de euros.
En total, o valor das exportacións dos viños de Rías Baixas experimentou un aumento do 11,79% con respecto a 2015. Tamén creceu un 10,45% o volume de vendas, alcanzando as 8.536.938 botellas exportadas nos últimos doce meses.
Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Porto Rico e México son os cinco países onde máis se venderon os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas en 2016, aínda que o consello regulador sinalou que se produciron notables incrementos noutros mercados como Holanda, Irlanda ou Suíza.
As exportacións mantéñense no 28% das vendas totais de viños da denominación de orixe Rías Baixas, que o pasado ano alcanzaron os 22.965.703 litros de viño comercializados.
Das 183 adegas adscritas a Rías Baixas, son 103 as que actualmente se atopan en plans de exportación. Ao traballo e investimento individual realizados por todas e cada unha delas hai que sumar as campañas de promoción exterior desenvolvidas desde o Consello Regulador.
A firme aposta por estender o coñecemento e o prestixio dos viños de Rías Baixas materialízase en plans promocionais específicos nos principais destinos exportadores, ademais de accións concretas en mercados emerxentes.
Relacionadas:
-
Os viños Rías Baixas conquistan Cidade de México
Por Redacción |
-
Actividades accesibles, bicicleta en familia e maxia, novedades na Ruta do Viño Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
Éxito de exportacións da D.O. Rías Baixas, que mira con preocupación a Donald Trump
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os "millennials" impulsan o consumo do albariño
Por Oskar Viéitez |