En Cambados estimulan o talento xuvenil
José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, destacou este venres que tres asociacións de mozos de Cambados puxeron en marcha proxectos para estimular o talento xuvenil dentro do programa "Iniciativa Xove".
É, en palabras de Tourís, "unha iniciativa de educación non formal pioneira en todo o Estado no que a administración non lle indica aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas co propósito de estimular o liderado, a creatividade e o talento xuvenil".
25 entidades xuvenís da provincia de Pontevedra recibiron máis de 121.000 euros no 2016 dentro do programa "Iniciativa Xove", tres delas na comarca do Salnés, todas pertencentes ao concello de Cambados. Esta iniciativa contou en 2016 cun investimento arredor de 500 mil euros, un orzamento dirixido tanto a asociacións xuvenís como a grupos informais da mocidade.
Todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda reciben un anticipo do 80% sobre o total da cantidade concedida. Unha medida que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas. Unha vez finalizados os proxectos, os participantes poden obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude.
Nos últimos anos, a administración autonómica puxo en marcha proxectos pioneiros en todo o Estado, que facilitan aos mozos e mozas a adquisición de coñecementos, habilidades e aptitudes que aumentan as súas posibilidades de empregabilidade, como ademais de "Iniciativa Xove", os programas "Voluntariado Xuvenil", "Galeuropa", "Campaña de Verán" ou "Deseñando o teu Futuro".