
© Mónica Patxot
A nova vida do Provincial despois do Gran Montecelo: rehabilitación con derruba de partes engadidas nos 70
Unha vez que se termine a obra de construción do Gran Montecelo, o Hospital Provincial de Pontevedra terá unha nova vida. Este futuro non é novo, senón que xa correron ríos de tinta sobre o particular durante anos. O novo agora é que, aos poucos, vanse debullando novos datos.
Este xoves, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, desvelou que nestas instalacións sanitarias situadas entre as rúas Joaquín Costa e Loureiro Crespo realizarase unha rehabilitación "moi coidadosa" que incluirá a derriba dalgunha parte do edificio. En concreto, botaranse abaixo "aqueles engadidos dos anos 70 que non dan valor a ese edificio".
Jesús Vázquez indicou que xa se falou antes desta obra e explicou que se derrubará, en concreto, "algún engadido que non entra dentro da estrutura do hospital", pero que se foron engadindo nos útlimos anos ante a falta de espazo.
O conselleiro explicou que para buscarlle un futuro ao Provincial falaran coa Consellería de Política Social e, tras valorar que "é unha situación adecuada non centro da cidade", ese departamento decidiu situar nesas instalacións unha das residencias da terceira idade planeadas en toda Galicia.
Desta forma, unha vez que o edificio de Gran Montecelo estea listo, no Provincial quedará aínda algunha actividade sanitaria, pero "loxicamente moi inferior á que temos neste momento" e, sobre todo, destinarase a política social. Para esa residencia de maiores aínda non ha data, pois, despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciáraa a semana pasada, agora vanse a definir os proxectos construtivos de cada unha das residencias planeadas na comunidade.
A de Pontevedra "tardará un pouco máis que outras cidades" porque será necesario primeiro ter un novo hospital ao que trasladar parte dos servizos que hai no Provincial para poder deixalo baleiro, pero a Consellería de Política Social xa asumiu o compromiso de ir redactando o proxecto para ter todo preparado para o momentoi en que se poida empezar a obra.
O novo xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez Fernández, recoñeceu que o Provincial ten partes engadidas tras a súa construción que "ás veces son un pouco limitantes", pero tampouco quixo achegar demasiados detalles porque segue formándose a súa opinión sobre os recursos da área sanitaria. Nestes primeiros días no cargo reuniuse cos profesionais e xefes de servizo de Pontevedra e O Salnés e ten xa reunións programadas cos representantes sindicais, pero considera "moi precipitado" que poida opinar sobre determinadas cuestións.
LOCAL DE DOAZÓN
O conselleiro facilitou estes datos este xoves durante a súa visita ao novo local de doazón da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) nun lateral da praza do Hospital, na que convidou aos pontevedreses para achegarse ás novas instalacións e, de paso, a doar. Pontevedra é a primeira capital de provincia de Galicia en número de doazóns, a sétima das sete grandes cidades, cunha taxa de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cinco veces superior á media da comunidade, pero, a pesar de todo, non se pode baixar a garda.
O novo local, que comezou o 21 de febreiro con 75 metros cadrados de superficie, ten catro postos de doazón que permiten doar pola maneira convencional e polo sistema de aférese. Incrementa nun 50% o espazo con respecto ao local anterior e está situado ao carón do novo aparcadoiro do Hospital Provincial, facilitando o acceso dos cidadáns que se acheguen cos seus vehículos, xa que dispón de varias prazas reservadas para doadores.
Relacionadas:
-
Lores poñerá sobre a mesa de Feijóo cinco posibles terreos para construír unha residencia da terceira idade
Por Natalia Puga |
-
O Gran Montecelo terá un novo edificio en zigzag e 1.400 prazas de aparcamento
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Así será o Gran Montecelo, un hospital que segundo Núñez Feijóo "non ten volta atrás"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
VIDEO.- José Ramón Gómez, o home dialogante escollido para crear o Gran Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O pleno non pecha a porta a que o Provincial acolla unha residencia de maiores
Por Alejandro Espiño |
-
Os cidadáns poden participar no deseño do proxecto do Hospital de Montecelo
Por Redacción |
-
SOS Sanidade Pública esixe participar activamente no proxecto do Gran Montecelo
Por Redacción |
-
En Marea rexeita que o Hospital Provincial se destine a residencia de maiores
Por Oskar Viéitez |
-
Unha residencia de maiores para 120 persoas, novo uso para o Hospital Provincial
Por Alejandro Espiño |
-
O obsoleto punto fixo de doazón de Pontevedra xa é historia
Por Antía Fernández Buján & Mónica Patxot |
-
Pontevedra estrea un novo local de doazón de sangue situado na Praza do Hospital
Por Redacción |