O BNG critica o "despilfarro" de 120.000 euros do Concello de Cerdedo-Cotobade
Por Oskar Viéitez
O grupo local do BNG de Cotobade e de Cerdedo acusou ao alcalde-presidente da xestora municipal, Jorge Cubela, de "malgastar 120.000 euros nun mes sen priorizar as necesidades veciñais reais".
Os nacionalistas din estar "cheos de incredulidade" polo proxecto dunha nova sinalización turística valorada en 50.000 euros, "cando vimos de malgastar nunha errada a escandalera de 70.000 euros".
Refírense ás sinais turísticas instaladas recentemente en diferentes recursos arqueolóxicos no novo ente fusionado "colocadas, por riba, sen respetar a nova nomenclatura aprobada no decreto do goberno de Feijóo, incorrendo nunha afronta legal".
O Bloque di que os veciños están vivindo "as primeiras consecuencias froito da improvisación da xestora municipal que dirixe o PP de Cubela controlada por Balseiros", e que as súas "accións ateigadas de insensateces reflexan o despilfarro económico e a utilización de fondos públicos en cuestións que non teñen urxencia social algunha".
Para o BNG son asuntos máis importantes para os veciños apostar por un plan de dinamización económica e de emprego que axude aos autónomos e incentive aos emprendedores, incrementar as axudas ás familias con persoas maiores e dependentes en situación de risco e exclusión social, melloras e limpeza nas vías públicas municipais, adecentar os espacios públicos e de recreo ou por en marcha o polígono empresarial de Salgueirós, entre outras propostas.