Menos cidadáns e máis investigadores fixeron uso do Arquivo Municipal en 2016
Por Redacción
Un total de 2.016 consultas. É o balance do traballo -de cara ao público- do Arquivo Municipal de Pontevedra durante 2016, segundo desvelou este martes o propio Concello.
Xunto con estas peticións realizadas por cidadáns a título particular, tamén se atendeu unha ducia de investigadores, que recorreron a este arquivo para documentar o seu traballo.
Na súa memoria anual, onde se fai balance do traballo realizado polo equipo do arquivo durante os pasados doce meses, recóllese que as consultas máis numerosas foron as relativas a aperturas (387), coleccións fotográficas (108), obras maiores (485), obras e aperturas (166). En total, realizáronse 50 préstamos ao público.
O arquivo tamén elaborou 149 informes, dos cales 108 foron para entidades fóra do Concello: cidadáns, Xunta de Galicia, Arquivo Histórico e a Universidade de Vigo.
Todo este traballo coincide no tempo co proceso de organización, descrición e instalación dos fondos fotográficos municipais, un labor que comezou o pasado mes de abril.
Para iso, contratouse a empresa Pergameo. Durante cinco meses, fíxose un traballo de limpeza, organización e descrición de 23.886 unidades documentais.