A Deputación encarga camelias a un investigador chinés para facer os mellores tés
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra pediu ao prestixioso profesor do Instituto de Investigación de Silvicultura Subtropical e Arquitectura de Paisaxes, Gao Yiyin, distintas variedades de camelia con propósitos turísticos e comerciais.
A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, recibiu este martes a este recoñecido catedrático chinés que se atopa estes días nas Rías Baixas para participar en congreso internacional Camelia e Paisaxismo, que se celebrará no Pazo de Rubiáns.
A Deputación quere aproveitar as investigacións que levou a cabo Gao Yiyin para plantar nas Rías Baixas algúns híbridos de variedades de camelia que florecen en agosto e duran con flor ata decembro. Detrás desta iniciativa atópase o interese por impulsar o potencial turístico relacionado coa camelia "para ofrecer flor todo o ano".
Gao Yiyin aceptou o desafío e as Rías Baixas serán o primeiro lugar fóra de China no que se planten estes híbridos, segundo anunciou Carmela Silva.
Carmela Silva lembrou que cada vez son máis os turistas nacionais e estranxeiros que viaxan cada ano a Galicia para gozar desta flor de orixe asiática. "A camelia é un elemento de atracción de visitantes espectacular", sostén a presidenta provincial salientando o feito de que se trata de "turistas cunha enorme capacidade adquisitiva".
Outro dos obxectivos da Deputación é impulsar o desenvolvemento doutros produtos derivados, como é o aceite de camelia ou o té. Neste sentido, a Gao Yiyin tamén se lle pediu que envíe á Estación Fitopatolóxica do Areeiro variedades de camelia que teñan unha recoñecida calidade para a creación de tés.
Relacionadas:
-
A Xunta cre que a ocupación hostaleira en Semana Santa será "mellor que a do ano pasado"
Por Oskar Viéitez |
-
A camelia como protagonista da paisaxe urbana
Por Redacción |
-
Xornada internacional en Rubiáns co reto de que Galicia vexa florecer as camelias no verán
Por Redacción |
-
O castelo de Soutomaior presenta tres novas rutas de sendeirismo
Por Oskar Viéitez |
-
Té galego?, haberá que tomalo en serio
Por Redacción |
-
A Radio Nacional de Austria interésase polo traballo do Areeiro coa camelia
Por Redacción |
-
Pero... a camelia cómese?
Por Mónica Patxot |